O despregue audiovisual do evento celebrado na Cidade da Cultura supuxo 12.600 euros, e aínda faltaría que o Goberno galego concrete o custo do "fabuloso petisco" que ofreceu ás persoas invitadas
O 15 de abril, un ano despois da súa toma de posesión, o Goberno galego organizou un acto de balance na Cidade da Cultura baixo o título Estilo Galicia. Nel, cun importante despregue de medios adiovisuais e invitados, varias persoas receptoras de axudas sociais deron as grazas por elas, mesmo entre bágoas, ao Goberno galego, o que levantou as críticas de BNG e PSdeG.
Uns días despois o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo descoñecer canto custara aquel evento, pero agora pode comezar a comprobalo a medida que a Consellería de Presidencia vai colgando na web de contratos públicos, como obriga a Lei de Transparencia, os distintos servizos encargados. De momento, entre organización, presentación e equipamento técnico do acto van xa 15.000 euros.

O acto do 15 de abril contou cunha escenografía como a dun programa de televisión de testemuñas, con sofás, pantalla xigante na que ía mudando a decoración -por exemplo, como se fose o salón dunha casa- e presentadora con palabras grandilocuentes para ir amosando as experiencias vitais da cidadanía participante. As súas intervencións foron todas de agradecemento á Xunta polas súas axudas, mesmo con bágoas por parte dalgún participante.
BNG e PSdeG cualificaron o acto como "franquista" ou "espectáculo de vasalaxe". Porén, Rueda defendeuno asegurando que os participantes "estaban alí voluntariamente". Tamén dixo descoñecer canto custou o acto.
Rueda defendeu que as persoas que participaron "estaban alí voluntariamente", ante críticas de BNG e PSdeG que cualificaron o evento como vasalaxe franquista
De momento a web da Xunta dá conta, coas súas habituais lagoas nos conceptos, de dous contratos explicitamente ligados ao acto do 15 de abril. Este luns a Consellería de Presidencia fixo público un que ten por obxecto: "Sonorización, iluminac e audiovisuais acto goberno día 15/04/2025 Cidade da Cultura-Santiago" [sic]. Son 12.600 euros pagados a CEGA Congresos Audiovisuales Viajes SL.
E dez días antes publicaba outro co concepto: "Organización, presentación e apoio ao acto de goberno do día 15/04/2025 en Santiago". Neste caso foron 3.043,15 euros pagados a Star Planning SLU.

A web da Xunta podería agochar outras contratacións ligadas a ese acto, pero é habitual que os conceptos non reflictan o contido dos contratos, empregando mesmo unha única palabra ou código que impiden coñecer que é o que se pagou en cada caso. No caso do acto do 15 de abril, ademais da escenografía, organización e presentación do acto, o mesmo rematou con "un fabuloso petisco" para os varios centos de persoas invitadas.