O Concello de Ourense informou este pasado sábado á noite de que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, viña de denunciar unha agresión ás portas do auditorio. Segundo a versión, un home teríase achegado ao rexedor na fila para acceder ao concerto de Robert Plant e tería dado unha puñada no peito.
O propio rexedor, nas súas redes sociais, anunciou que quen fora "detido" por "agredir fisicamente o alcalde de Ourense" fora Óscar Outeiriño, propietario do diario La Región. "Foi detido por atentado á autoridade ao agredirme. No exterior do auditorio achegouse diantede todos, propinoume unha puñada e díxome "tú sabes bien por lo que es, hijo de puta".
O presunto implicado foi logo trasladado á comisaría, onde prestou declaración. Segundo fontes do xornal ourensán, en información recollida por Ou ké!, foi o alcalde de Ourense quen tería provocado a Óscar Outeiriño. Sosteñen que o editor e mais a súa parella agardaban para entrar ao concerto mentres un dos acompañantes do alcalde comezou a gravalos. Segundo estas fontes, instárono a deixar de gravar e, supostamente, logo tería lugar o suposto altercado.
As fontes sinalan o concelleiro do grupo de goberno, Rafael Martínez Cachafeiro, como unha das persoas que gravou a Outeiriño e os seus acompañantes e á que lle solicitaron que parase. Foi nese momento cando se produciu o conflito e o alcalde chamou á policía local para que se presentase no lugar.