O antigo psiquiátrico de Castro de Rei vira en centro de acollida para persoas refuxiadas

O antigo hospital psiquiátrico 'San Rafael' en Castro Ribeiras do Lea (Castro de Rei), nunha imaxe dunha publicación da Deputación de Lugo en 1985 © Deputación de Lugo

A mediados dos anos 50 do século pasado a Deputación de Lugo abriu en Castro Ribeiras do Lea (Castro de Rei) un hospital psiquiátrico deseñado co modelo arquitectónico do panóptico que, dende o XIX, se aplicara a diversas edificacións de uso público e privado, dende cárceres a fábricas. Entre as súas funcionalidades, na altura consideradas vantaxes, estaba que, con relativamente pouco persoal, era posible controlar todo o recinto.

O hospital de San Rafael funcionou dende mediados dos anos 50 do século pasado e ata 2012, cando o servizo foi transferido ao Sergas e o edificio, pechado

No que primeiro foi nomeado "manicomio", despois "Hospital Psiquiátrico Provincial" e máis tarde "Centro asistencial e rehabilitador" de de San Rafael, funcionou durante a ditadura e tamén nos primeiros tempos da restauración da democracia como un lugar onde persoas ás que diagnosticaran enfermidades mentais eran recluídas indefinidamente. Co paso dos anos, o trato ás persoas ingresadas foi mudando, pero o centro continuou deteriorándose.

O antigo hospital psiquiátrico de Castro, nunha imaxe tomada en 2009, cando aínda estaba en funcionamento, polo servizo de mapas de Google © Google

Cando en 2012 culminou o traspaso do servizo da Deputación de Lugo ao Sergas, algunhas delas foron trasladas a centros sanitarios. Pero outras, por exemplo, a centros da terceira idade porque non precisaban ingreso psiquiátrico aínda que o padecesen durante décadas.

Unha vez clausurado como hospital psiquiátrico, o centro permaneceu pechado, co consecuente impacto nunha vila na que boa parte das persoas que alí vivían eran uns membros máis da veciñanza. O Concello de Castro de Rei reclamou en varias ocasións darlle uso e a Deputación esixiu, sen éxito, que a Xunta colaborase para poñer fin ao abandono. Finalmente, o antigo hospital de San Rafael e a súa parcela terán unha nova vida como centro de acollida para persoas refuxiadas, en virtude do acordo que vén de pechar o goberno da institución provincial co Ministerio de Inclusión.

Vista parcial do estado actual das instalacións do antigo psiquiátrico de Castro de Rei © Ministerio de Inclusión

O presidente da Deputación lucense e o Ministerio que dirixe José Luis Escrivá confirmaban o pasado luns a cesión, por 75 anos, do edificio e da súa parcela -en total, case 43.000 metros cadrados- para instalar un Centro de Acollida de Protección Internacional (CAPI) con capacidade para 250 persoas. O de Castro únese a outros sete proxectados noutros puntos do Estado, cuxa posta en marcha está enmarcada no plan do Goberno de España para investir os fondos de recuperación tras a COVID.

Tras o acordo de cesión por 75 anos pechado coa Deputación de Lugo, o Ministerio de Inclusión prevé iniciar en 2024 as obras do Centro de Acollida de Protección Internacional, con capacidade para atender 250 persoas

A previsión de Inclusión é iniciar xa en 2024 as obras dun centro que requirirán investir uns 12 millóns de euros, orzamento do que cabe deducir que o vello recinto pasará á historia case integramente. O centro, avanzan Tomé e Escrivá, contará con espazos de acollida, áreas comúns, comedor, locais para realizar obradoiros e "espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español". Prevese que no CAPI traballen entre 20 e 25 persoas e o Ministerio calcula outros 45 postos de traballo "indirectos".

"Vemos cumprido un dos nosos obxectivos á fronte da Deputación", aplaude Tomé, quen revela que "levamos tempo con contactos e xestións para tratar de recuperar para uso público" o antigo hospital e os seus terreos, no que a prioridade era que continuase "vinculado ás políticas sociais". "Conseguimos recuperar para uso público estes terreos grazas ao apoio do Goberno do Estado e facémolo cun proxecto de alto valor social", considera, xa que o CAPI prestará "atención inmediata ás persoas que, desgraciadamente, teñen que saír dos seus países por unha situación de emerxencia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.