Regresar ao Congreso tras non dar obtido representación en 2015 e 2016 é a gran meta do BNG nas elección xerais do 28 de abril. E, nesa aposta, a circunscrición de Pontevedra preséntase como un dos escenarios electorais con, potencialmente, máis posibilidades de logralo. Así o apuntaron algúns indicadores demoscópicos nas últimas semanas e, nese contexto, o Bloque apela a un dos sectores nos que noutrora chegou a ser primeira forza, segundo o CIS: a mocidade.
Nun encontro con membros de Galiza Nova celebrado en Pontevedra tanto a portavoz nacional do BNG como a cabeza de lista da formación por Pontevedra, Carme da Silva, amosaron a súa confianza nas posibilidades de obter representación. "Cada vez son máis as persoas que nos fan sentir que estamos lanzadas, que desta vai, que a partir do 28 de abril o BNG vai ter representación no Congreso dos Deputados", afirma Da Silva.
Ana Pontón defende que Galicia só recuperará "voz propia en Madrid o 28 de abril" se o BNG obtén escanos
A xuízo de Pontón, se "Galiza recupera a voz propia en Madrid o vindeiro 28 de abril" será no caso de que o BNG obteña escanos. "Iso significará unha aposta de futuro para cambiar un guión que outros están a escribir" tamén para a mocidade. "Ver como a mocidade mira con desesperanza ao futuro é o peor balance de calquera goberno", considera a líder nacionalista, máis aínda se existen "paus nas rodas" por mor de medidas "centralistas".
"PP, PSOE e tamén Podemos e En Marea vetan continuamente propostas beneficiosas para Galiza", acusa Pontón
Pontón exemplifica a necesidade de que o Bloque regrese ao Congreso en conflitos como os vinculados á industria, caso do de Alcoa. Neste contexto, di, o BNG tamén defendería nas Cortes a aprobación dunha tarifa eléctrica galega como "incentivo para a instalación de empresas" que sería "máis importante que calquera rebaixa fiscal". Pero "dende Madrid PP, PSOE e tamén Podemos e En Marea vetan continuamente propostas beneficiosas para Galiza", acusa.
Ambas dirixentes avanzan que ata o 28A seguirán a amosar o que implica que regrese ao Congreso "a única forza que ten demostrado defender a Galiza en Madrid" á procura de "solucións" para o país. "Ten solución poder pescar, ten solución a transferencia da AP-9, ten solución a seguranza viaria" ou a propia tarifa eléctrica. "Pero para iso cómpre que Galiza teña capacidade de decisión" con escanos do Bloque, conclúe a candidata por Pontevedra ao Congreso.