Dende o 15 de agosto, o IGVS deixará de xestionar os depósitos das fianzas nas súas oficinas, onde ata agora o persoal asesoraba e mesmo axudaba a encher os formularios
Como avanzou Praza.gal, a Xunta vén de suprimir a xestión presencial para o depósito de fianzas de alugueiros no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Trátase dun trámite obrigatorio dende hai máis dunha década que, ata agora, podía realizarse presencialmente en calquera das sete oficinas do IGVS -ten unha en cada cidade-, onde o persoal público mesmo enchía os formularios. A continuación, nunha oficina bancaria, a persoa propietaria da vivenda alugada depositaba os cartos ou, no seu caso, recibía na súa conta a devolución.
Pero, segundo o disposto pola Xunta, dende o vindeiro 15 de agosto este servizo deixa de existir. Realizarase "exclusivamente" a través da sede electrónica, nos rexistros xerais ou en Correos. Isto é, sen un asesoramento específico na materia que, segundo o propio IGVS, só paliará "ata certo punto" se alguén acode, como ata agora, a algunha das súas oficinas.
A medida xa a está a xerar reaccións no ámbito político tras transcender a través deste xornal. Así, a voceira do BNG en materia de vivenda, Alexandra Fernández, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento para esixir á Xunta que a reverta e manteña esta xestión presencial. Máis aínda tendo en conta que "moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades" para facer xestións a través de internet.
A deputada Alexandra Fernández advirte de que "moitos dos arrendatarios son persoas maiores" con "dificultades" para facer xestións por internet: "Na práctica veranse na obriga de acudir a xestorías privadas polas dificultades para realizar o trámite"
Fernández salienta que o anterior servizo, con asistencia directa do persoal público e asesoramento mesmo para completar os formularios, é substituído por unha fórmula no que "apenas reciben un formulario complexo que teñen que cubrir e rexistrar". Moitas destas persoas, advirte, "na práctica veranse na obriga de acudir a asesorías e xestorías privadas polas dificultades á hora de realizar o trámite".
Advirte Alexandra Fernández de que, só no ano 2022, "o total de solicitudes tramitadas para o depósito de fianzas superou as 35.000". Boa mostra, conclúe, de que "o recorte do servizo" traerá consigo "unha afectación importante" para a poboación.
A xuízo da deputada do BNG, resulta "incomprensible que sexa o propio IGVS quen dificulte o cumprimento da normativa", dado o carácter obrigatorio do depósito dunhas fianzas que ademais "son unha fonte de financiamento para o propio instituto". "Só se entende pola nula vontade da Xunta de prestar un bo servizo na Administración". A mesma "nula vontade", di, que amosa á hora de "promover vivenda pública" a través deste mesmo organismo.