O BNG evoca o Estatuto do 36 como "celebración da esperanza" de chegar ao Goberno tras o 12X

Néstor Rego, este 28 de xuño no acto do BNG para conmemorar o 84º aniversario do Estatuto do 36 CC-BY-NC-SA BNG

"Unha celebración da esperanza para dar o paso que Galiza necesita". Así concibiu este 28 de xuño o BNG a celebración do octoxésimo cuarto aniversario do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. En ausencia da súa candidata á presidencia, Ana Pontón, que baleirou a súa axenda de actos públicos a fin de semana para ultimar a preparación do debate electoral deste luns na CRTVG, o número dous da formación pola Coruña, Xosé Luís Rivas Mini, e mais o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, evocaron aquel plebiscito para apostaren por "un novo rango político para Galiza cun goberno nacionalista".

"Temos na nosa man que unha muller co empuxe necesario para o cambio poida liderar o goberno da Xunta", di 'MIni' Rivas sobre Ana Pontón

"Somos un país rico, con talento e recursos, e toda esa riqueza debe reverter no noso país" se "cremos en nós", sinalou Rivas no acto político desenvolvido en Santiago, onde advertiu de que "o 12 de xullo" existe "unha oportunidade para facelo realidade, cun goberno do BNG que goberne para todos os galegos e galegas". "Os nacionalistas queremos un país forte, dinámico e igualitario" e "temos na nosa man que unha muller que encarna esas virtudes e ese empuxe necesario para o cambio" poida "liderar o goberno da Xunta", asegurou.

Rego, pola súa banda, sinalou exemplos que, di, concretan a necesidade da aposta política do Bloque por un "autogoberno real". "Estamos comprobando que cando se toman as decisións a 600 quilómetros, en Madrid, moitas veces esas decisións prexudican os intereses de Galiza na pesca, no agro ou na política industrial". Esta realidade, cre, "reforza a posición do BNG para que Galiza poida decidir libremente sobre os seus propios asuntos".

Nesta liña, cre, é conveniente "rescatar a memoria histórica" ligada ao Estatuto do 36. Os seus impulsores, como Castelao, "son os nosos referentes". Tamén porque o Partido Galeguista "defendeu o Estatuto, mais foi moi crítico co seu contido" e cómpre lembrar, cre, que a redacción da que participaran persoeiros como Ricardo Carvalho Calero "era máis ambiciosa á hora de defender a capacidade de decidir do noso país". Non en van, agrega, "definía a Galiza como un estado libre dentro da República". E iso non impediu, matiza, que os galeguistas impulsasen o Estatuto por velo "un paso necesario".

Xosé Luís Rivas 'Mini', no acto do BNG sobre o Estatuto do 36, este 28 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

Oito décadas despois, resalta Rego, "o BNG considera que o Estatuto de 1981 non é a solución" en tanto que "foi unha carta outorgada e, polo tanto, enormemente fráxil". Esa é a razón, conclúe, pola que "dende sempre" e tamén cara ao 12X o BNG defende "avanzar en autogoberno real, para ter ferramentas que nos permitan decidir sobre o noso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.