Pontón lanza a campaña do BNG convencida de que pode ser presidenta: "O PP vén dopado e aínda así pode ser derrotado"

Pontón, con Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra), amosando os carteis electorais do BNG para o 12X CC-BY-NC-SA BNG

"Son optimista". A letra pequena das enquisas preelectorais anima o BNG. A poucas horas do inicio oficial da campaña do 12X, a candidata do Bloque á presidencia, Ana Pontón, xuntou as cabezas de lista da formación en Santiago para expresar o seu convencemento de que non só é posible a mudanza de cor política o Goberno galego, senón que ademais é alcanzable un obxectivo "tan ambicioso como ilusionante", que ese cambio chegue con ela a presidir un Executivo da esquerda.

A candidata do Bloque ve os populares "dopados" por aspectos como "o control dos medios públicos", pero "aínda así, pode e vai ser derrotado pola vontade de cambio"

"Quero ser a presidenta da nova Galiza" e ademais é posible que isto suceda, reitera a líder do BNG. A formación di ser consciente de que o PP "vén dopado" por aspectos como "o control dos medios públicos de comunicación". Pero "aínda así pode ser e vai ser derrotado pola vontade de cambio que hai na sociedade galega", considera ás portas dunha campaña que "se vai librar casa a casa, conversa a conversa, opinión a opinión" e finalmente, "voto a voto".

Cos actos das carreiras electorais máis tradicionais limitados para evitar contaxios do coronavirus, Pontón di aspirar a que o Bloque poida "coller da man a toda a xente cansa" coa "parálise e retroceso" que, ao seu xuízo, significarían catro anos máis co PP en San Caetano. "Eu quero apelar á Galiza viva, dinámica e esperanzada", trasladar ás urnas "todas as loitas sociais destes anos" contra "os recortes na sanidade, as privatizacións" ou a precariedade "nos servizos de atención aos nosos maiores", afirma.

Pontón coida que a campaña "se vai librar casa a casa, conversa a conversa" e que, cun PP á baixa, a "maioría de galegas e galegos que queren poñer en marcha un cambio" poden axudar o Bloque a "facer historia" o 12X

Se esa "rebeldía" se combina coa "ilusión" polo cambio, mantén a candidata, non só "hai partido", senón que "poderemos poñer en marcha o cambio galego" cunha "presidenta coas mans libres, que poña a defensa do noso por diante". Neste sentido, cuestionada polos inquéritos que prognostican un ascenso do BNG pero ao tempo manteñen o PP na maioría absoluta, Pontón advirte: "hai campaña" e agora o que toca é procurar "unha grande mobilización" na que o BNG actúa como "catalizador do cambio".

Os populares seguen na absoluta, pero "baixan" e "hai unha maioría de galegas e galegos que queren poñer en marcha un cambio" e tamén "un número moi importante" de persoas que aínda están "na indecisión". Son pezas dabondo, considera, como para afirmar que é posible "facer historia" e que "por primeira vez, Galiza teña á fronte unha muller cunha presidencia do BNG".

O Bloque comeza a campaña electoral en sentido estrito cun acto na compostelá praza das Praterías na media noite do xoves ao venres. A candidata comezará a primeira xornada da carreira electoral na provincia de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.