O BNG pide ante ENCE "o voto da mocidade preocupada polo cambio climático"

Pontón e Da Silva, con activistas contra o cambio climático, os alcaldes de Pontevedra e Poio e outros cargos no acto fronte a ENCE CC-BY-NC-SA BNG

"Somos a única forza que estivo dende o principio na loita por ENCE fóra da ría, a única que levou a Bruxelas o saneamento integral da srías e defende unha moratoria contra o eucalipto". O BNG trasladou este mércores a súa campaña para as eleccións xerais do 10N a Lourido, na beira da ría de Pontevedra, xusto fronte á factoría de ENCE e dende alí a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pediu apoio ao Bloque "á mocidade preocupada polo cambio climático".

"Somos a única forza que estivo dende o principio na loita por ENCE fóra da ría ou que levou a Bruxelas o saneamento das rías", afirma Pontón xunto a activistas contra a crise climática

A mocidade "que non quere en Galiza nin Trumps, nin Bolsonaros, nin Salvinis nin primos de Rajoy" ou, o que é o mesmo, "apóstolos do negacionismo da emerxencia climática", di Pontón, pode confiar no BNG. Porque o Bloque, advirte, tamén contribuirá se obtén representación no Congreso a frear a esa mesma "extrema dereita que pacta co PP que en Galiza desenvolve políticas que son unha auténtica fábrica de cambio climático". Mostra disto, cre, é a "teimosía en manter a pasteira na ría ou ou modelo forestal que enche os montes de eucaliptos".

Fronte a ENCE e xunto a participantes nas recentes mobilizacións para alertar da crise climática -Iria e Pablo, que leron o manifesto en Pontevedra, secundaron o acto do BNG-, Pontón afirmou que se o Bloque volve ao Congreso velará por que o Goberno de España "revogue a prórroga ilegal de ENCe para sacala da ría e proceder á súa recuperación integral". Ao mesmo tempo, proporá que a lexislación estatal en materia de patrimonio natural "inclúa o eucalipto como especie invasora", o cal o Goberno central rexeitara en tempos de Rajoy.

Acto electoral do BNG con activistas contra o cambio climático fronte á factoría de ENCE en Pontevedra, este 6 de novembro CC-BY-NC-SA BNG

As promesas para a vindeira lexislatura estatal están apoiadas, di o BNG, na experiencia do goberno local de Pontevedra, do que vén sendo parte a cabeza de lista da formación por esta provincia, Carme da Silva. A preocupación ambiental do Bloque "non naceu hoxe", subliña a candidata, senón que "vén marcando a nosa actuación política dende hai anos".

Neste sentido, Da Silva subliña que o BNG comezou a despregar o seu proxecto ambiental en Pontevedra "hai vinte anos" e "hoxe", cando noutras cidades "se fala do fume, do ruído, de que non se pode vivir con máscaras" para frear a polución, en Pontevedra "estamos afeitos a unha cidade amable na que hai calidade de vida". Esas prioridades, asegura, trasladaraas ao Congreso no caso de lograr ser deputada. 

"O BNG está en perfecta sintonía coas reivindicacións" contra o cambio climático, asegura Da Silva. Así o traducirá, agrega, en iniciativas no Congreso sobre "cuestións de competencia estatal como a rexeneración das rías, a transición ecolóxica ou o fomento de medios de transporte sustentables como o ferrocarril", asegura.

Apoios da ex-deputada Alexandra Fernández e de Anxo Quintana

Por Pontevedra, precisamente, foi membros do Congreso por En Marea -na etapa da formación como coalición- a agora ex-deputada Alexandra Fernández, que a través das redes sociais manifestou este mércores o seu apoio ao BNG nas eleccións do 10 de novembro. "Tras o intento fracasado de alianza entre a esquerda soberanista galega e a esquerda española, volvemos á dualidade entre dous modelos de esquerda" e "ante os retos que veñen", di, "non cabe dúbida de que lado toca estar".

Alexandra Fernández, nun pleno do Congreso © En Marea

Anxo Quintana cre que a "disputa" do domingo nas circunscricións galegas será que haxa escanos "que os teña o BNG ou a dereita española" e ve niso un "acicate máis" para optar polo Bloque

Para Fernández, só as forzas soberanistas poden exercer "unha oposición clara" ante "a involución democrática do Estado" e, ao tempo, "ante o aumento da desigualdade social e económica entre centro e periferia e as ameazas de recentralización". "Por iso -conclúe- lle desexo o mellor ao BNG o vindeiro domingo. Agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político", conclúe.

Tamén este martes evidenciou o seu apoio ás candidaturas do Bloque quen fora portavoz nacional da formación e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. En declaracións a Europa Press, que a axencia tamén recolle na súa web, Quintana considerou que a "disputa" do domingo será que haxa escanos nas circunscricións galegas "que os teña o BNG ou a dereita española en calquera das súas versións". "Para todos os que queremos que Galiza teña representación, é un acicate máis" para votar polo Bloque, di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.