A 'tráiler movie' do BNG para reivindicar o traspaso da AP-9 e a fin da "estafa das peaxes"

Ana Pontón, na cabina do camión na que realizou a viaxe reivindicativa xunto a Néstor Rego CC-BY-NC-SA BNG

Corenta anos despois da súa inauguración, a Autoestrada do Atlántico segue a ser cuestión de debate político en Galicia. En torno á AP-9 concéntranse os maiores núcleos de poboación do país e os concellos nos que -aínda- nace máis xente da que morre. Tamén boa parte da actividade económica. Todos estes aspectos da vida cotiá continúan, dun ou doutro xeito, condicionados por unha autoestrada cunha concesión que se estende ata 2048 aínda que inicialmente remataba en 2013.

Ana Pontón e Néstor Rego viaxaron en camión de Sabón a Santiago para exemplificar o impacto que as peaxes da AP-9 teñen no sector do transporte

Alén de todos estes aspectos, a contorna AP-9 tamén é o escenario fundamental da batalla electoral do 10N en Galicia. É na Coruña e Pontevedra onde as diversas forzas políticas aspiran a que haxa movementos de escanos a respecto do reparto do 28 de abril. Unha das que o agarda con máis esperanza é o BNG, que desta volta asegura ver máis preto ca nunca, "na punta dos dedos" a posibilidade de regresar ao Congreso, Cámara na que o traspaso de competencias sobre a AP-9 a Galicia ficou, como tantos outros asuntos, freado pola repetición electoral.

Todos estes factores estiveron presentes na viaxe pola AP-9 que este mércores, ás portas da campaña, organizou o Bloque. A portavoz nacional da formación, Ana Pontón e o seu cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, subiron a un camión para protagonizaren a súa particular "tráiler movie", ironizaron. Viaxaron entre o polígono industrial de Sabón (Arteixo) e o da Sionlla, en Santiago, para exemplificaren o "lastre que as abusivas peaxes supoñen para o sector do transporte e as pequenas e medianas empresas", alén de para a veciñanza en xeral.

No caso de obteren representación, asegura Pontón, "a partir do 10N imos defender no Congreso que a AP-9 ten que transferirse a Galiza e que ese sexa o inicio da fin dunhas peaxes que son unha estafa legalizada polo PP e polo PSOE". "Este -afirma Rego- será un tema preferente no Congreso, porque as forzas políticas que tiveron a posibilidade de acabaren con esta estafa non moveron un dedo".

O Bloque subliña, con datos dos transportistas, que un camión que faga o mesmo percorrido no seu traballo habitual afronta gastos superiores aos 1.700 euros mensuais

Alén da tramitación da transferencia, Rego e Pontón botan man dos datos da federación de transportistas FETRAM -un de cuxos membros colaborou no acto reivindicativo co seu camión- para "poñer o foco no que significan as peaxes para o sector do transporte. "Un profesional que faga este mesmo percorrido da Coruña a Santiago tres veces ao día ten un custe de explotación de 1.770 euros mensuais" e se a viaxe é ata Vigo "con dúas viaxes diarias", o gasto dispárase ata os 2.832 euros ao mes.

A solución a estas cifras, advirte Pontón, "non vai vir pola simetría de Peaxes que propón Feijóo" para todo o Estado, toda vez que "só hai tres autoestradas coa concesión máxima de 75 anos e dúas están en Galiza, o que significa que se nos obriga a pagar máis e durante máis tempo". Cómpre lembrar ademais, destaca, que "as autoestradas construídas nas mesmas datas" que a AP-9 están chegando xa ao remate das súas concesións e que mentres, os beneficios de Audasa continúan á alza -os datos máis recentes indican que os seus ingresos medran catro veces máis que o seu tráfico de vehículos-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.