O BNG propuxo facer que os terreos do porto interior da Coruña pasen á cidade unha vez queden libres de usos portuarios e apostou por modernizar as conexións por tren con Ferrol cunha conexión de proximidade, dentro dos plans máis amplos de crear un organismo encargado de mellorar a rede ferroviaria entre localidades galegas: o Galtren.
Revitalizar o comercio local e a industria e recuperar a ría do Burgo son outras das propostas dos nacionalistas
A voceira da formación e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, repasou varias das medidas que aspira a poñer en marcha durante a presentación da candidatura pola provincia coruñesa, que ela mesma lidera e na que está acompañada por, entre outros, o deputado do BNG no Parlamento na última lexislatura Xosé Luís Rivas 'Mini'.
Pontón referiuse a un plan de revitalización do comercio local e a outro de reindustrialización para que A Coruña "recupere pulso económico" e á recuperación da ría do Burgo, para a que o comezo será a liberación de 25 millóns de euros estatais pactada no acordo de investidura de Pedro Sánchez, dixo.
A candidata lembrou que a formación nacionalista tamén quere establecer unha tarifa eléctrica galega que permita obter beneficios pola produción de electricidade e abaratar os custos enerxéticos, "algo vital para o futuro de Alcoa e outras electrointensivas".
O BNG critica os recortes e aposta por destinar outros 200 millóns de euros a atención primaria para "acabar coa precariedade e a falta de medios"
Ademáis, volveu criticar os "recortes e privatizacións", en especial na sanidade pública e considerou que a atención primaria "merece un investimento extraordinario de 200 millóns de euros para acabar coa precariedade e a falta de medios".
Rivas, pola súa banda, referiuse á situación da industria e afirmou que "outros queren converter Galicia nun deserto" neste aspecto, pero o BNG aspira a recuperar "o músculo produtivo neste sector".