Os traballadores votaron en asemblea desconvocar a folga que de forma encuberta levaban a cabo dende o pasado 24 de xuño
Os traballadores da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos da Coruña -Prezero- decidiron nas últimas horas deste xoves desconvocar a folga que de forma encuberta levaban a cabo dende o pasado 24 de xuño. Foi nunha asemblea celebrada na igrexa de Os Rosales na que o Sindicato de Trabajadores de Limpieza (STL), encabezado polo seu líder Miguel Ángel Sánchez, tentou forzar sen éxitio a extensión do conflito. Finalmente, 49 traballadores votaron a favor de poñer fin á folga e 28 defenderon manter a tensión, mentres que dous terzos do persoal non acudiron á asemblea.
Miguel Ángel Sánchez, que forzou esta asemblea despois de que o mércores pola noite unha maioría dos traballadores decidira xa nunha primeira votación poñer fin á folga, recoñece que o seu sindicato sae "tocado" desta derrota, da que culpa á "presión brutal" do Concello, da empresa e dos demais sindicatos, "brazos de socialistas e nacionalistas", afirmou. Con todo, o líder do STL advirte de que "isto non rematou".
O líder do STL, Miguel Ángel Sánchez, que ata o último momento presionou os traballadores para forzar a extensión do conflito, recoñece que o seu sindicato sae "tocado" desta derrota, da que culpa á "presión brutal" do Concello, da empresa e dos demais sindicatos
Finaliza así, aparentemente, un conflito iniciado no día de San Xoán e que nunha primeira fase incluíu paros intermitentes e unha folga encuberta -folga de brazos caídos- e que a partir do 28 de xullo se converteu nunha folga indefinida que, en realidade, non levou a cabo ningún traballador, pois todos se presentaban ao traballo para a continuación non realizar o seu labor empregando distintas estratexias.
O STL iniciou o conflito coincidindo coa sucesión de causas xudiciais contra o seu líder, Miguel Ángel Sánchez. O pasado ano catro membros do STL foron detidos tras unha investigación que os acusa de crear unha "rede criminal" que cobraba por traballar na limpeza da Coruña. Ademais, hai uns días Sánchez sumou unha nova imputación xudicial, desta volta en Ourense por un presunto delicto de corrupción no sector privado, na que se investiga se o líder do STL seleccionou traballadores para os postos na concesionaria municipal a cambio de cartos.
Con este conflito o STL, que acumula varias causas xudiciais por cobrar "mordidas" a cambio de ofrecer postos de traballo nos servizos de recollida de residuos, buscaba manter o seu poder de decisión sobre as novas contratacións
Oficialmente, o sindicato facía unha serie de reclamacións de tipo laboral -unha suba do 1% nas súas retribucións, o dereito á desconexión dixital, aspectos relacionados co plan de igualdade...- e outras cuestións que semellan estar na cerna do conflito, como o seu poder para decidir as novas contratacións. O STL está investigado por cobrar "mordidas" a cambio de ofrecer contratos de traballo, un mecanismo co que ademais se asegura a fidelidade do persoal.
A consecuencia foi unha cidade na que o lixo se acumulaba día tras día nas rúas, especialmente nos barrios populares. En paralelo, cada noite eran queimados contedores en toda a urbe -un total de 160, cun custo para as arcas municipais de 400.000 euros-, incendios que tamén afectaron a coches aparcados, á saúde de veciños e veciñas e a fachadas de comercios e inmobles. O STL negou publicamente estar relacionado con estes actos vandálicos, pero algúns traballadores foron identificados pola Policía nas proximidades destes incendios.
O conflito péchase con 160 contedores queimados cun custo para as arcas municipais de 400.000 euros, incendios que tamén afectaron a coches aparcados, á saúde de veciños e veciñas e a fachadas de comercios e inmobles
O Concello da Coruña respondeu o 22 de xullo coa declaración de emerxencia sanitaria e a contratación de Valoriza a través dun concurso rápido para a recollida dos residuos acumulados. Ademais, o Goberno municipal remitiu á Fiscalía a denuncia para a investigación do conflito debido a que a actitude dos traballadores afíns ao STL está a provocar “unha situación de verdadeira insalubridade e de risco para a saúde pública”. Pola súa banda, a empresa concesionaria -Prezero- incrementou a presión contra os afíns ao STL que se negaban a traballar, abrindo un total de 80 expedientes, 44 deles por faltas graves ou moi graves e con 5 despedimentos disciplinarios. A empresa, ademais, négase a readmitir os despedidos e a retirar os expedientes abertos.
O Concello respondeu o 22 de xullo coa declaración de emerxencia sanitaria e a contratación de Valoriza a través dun concurso rápido para a recollida dos residuos acumulados, un reforzo que pouco a pouco fixo inútil a estratexia do STL
Así mesmo, o traballo de Valoriza foi pouco a pouco sacando das rúas os residuos acumulados (recollendo un total de 900 toneladas), facendo inútil a presión e as estratexias do STL, centradas nas primeiras semanas en que o lixo se acumulase nos barrios populares, para así castigar ao Goberno municipal. Nos últimos días, unha vez que a declaración de emerxencia sanitaria se estendeu a toda a cidade, as porcentaxes de recollida en todos os barrios superaron por primeira vez o 50% e chegaron ao 100% en Monte Alto, Os Mallos, Elviña ou Sagrada Familia.
A presión xudicial, coa denuncia ante a Fiscalía das estratexias do STL, xunto coas medidas disciplinarias adoptadas por Prezero, con 5 despedimentos e 80 expedientes, comezaron a abrir unha fenda entre os afíns a Sánchez
Coincidindo coa declaración de emerxencia sanitaria, a alcadesa Inés Rey subliñou que "é imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade". "O máis cómodo sería ceder, como se fixo os últimos 18 anos, retirar as sancións e volta a empezar", dixo a rexedora, que criticou as "prácticas de carácter violento que poñen en risco á cidade" e manifesta "todo o apoio" ao persoal que "vive nun réxime de medo" ante a presión interna do STL.
A alcadesa Inés Rey subliñou que "é imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade"
Esta presión conxunta, política, disciplinaria e xudicial, contra o STL comezou a debilitar a estratexia dos seus líderes e cada vez máis traballadores rexeitaron participar na folga de brazos caídos proposta por Miguel Ángel Sánchez, que pasou de afirmar a finais de xullo que "a resistencia non nos gaña ninguén, nin o Concello, nin os partidos políticos" e recoñecer que deste conflito o seu sindicato sae "tocado". Haberá que ver se isto significa unha normalización do funcionamento do servizo de recollida de residuos na Coruña para os vindeiros anos, deixando atrás o control interno do STL no comité de empresa.