Todos os grupos parlamentarios rexeitaron ser vixiados polo ente que supervisa as contas das administracións galegas, que se prega agora a esa decisión co voto discrepante dun dos seus cinco membros, propostos á súa vez polos partidos
Hai ano e medio o Parlamento de Galicia modificou o seu regulamento orzamentario e contable para quedar expresamente fóra do control do Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das administracións galegas, que nunca o fixo con esa Cámara. Agora, tras ano e medio de loita soterrada, Contas vén de acatar a decisión de todos os grupos parlamentarios de non seren controlados por un órgano nomeado por eles mesmos. Un acatamento que deixará sen fiscalizar os máis de 20 millóns de euros de orzamento anual da Cámara galega e que se produce co voto discrepante dun dos cinco membros do Consello de Contas.
En 2024, tras catro décadas de existencia, Contas decidiu facer por primeira vez unha auditoría específica do Parlamento incluíndoa no seu plan de traballo. Os grupos parlamentarios rebeláronse co argumento de que un órgano nomeado por eles non pode fiscalizalos, malia que o regulamento dese órgano, aprobado pola Cámara en 2017, establece que "o Parlamento de Galicia remitiralle ao Consello de Contas as súas contas xerais antes do 30 de xullo do ano seguinte ao do exercicio económico ao que correspondan, para a súa fiscalización." Ese regulamento de Contas segue vixente, pero o que fixo o Parlamento foi modificar no verán de 2024 o seu propio regulamento para que deixase de contemplar esa remisión de contas.
A ausencia de auditoría deixa sen fiscalizar un orzamento parlamentario de máis de 20 millóns de euros
Aínda así, Contas volveu incluír no seu Plan de Traballo para 2025 a fiscalización do Parlamento, pero o Parlamento teimou en rexeitalo. E agora, tras ano e medio de discrepancias, Contas vén de presentar unha nova programación dos seus traballos na que sinala expresamente que "a actuación Fiscalización das contas xerais do Parlamento decae do Plan de Traballo como consecuencia do acordo da Mesa do Parlamento do 4 de febreiro de 2025 onde se acorda admitir a trámite todo o plan de traballo para o ano 2025 agás a dita fiscalización".
Esa é toda a argumentación que ofrece o Consello de Contas para pregarse agora á decisión do Parlamento de non ser fiscalizado. Pero o novo plan de traballo recolle un voto particular en contra desa decisión.
A lei do Parlamento de Galicia que desde 1985 regula o Consello de Contas sinala que este depende directamente da Cámara, que designa os seus conselleiros, cinco, por maioría reforzada de tres quintos e para un período de seis anos, para garantir a súa independencia. Isto na práctica vén facendo que, con maiorías absolutas do PP, esta formación designa tres conselleiros mentres que BNG e PSdeG designan os outros dous. Desde hai dous anos e medio o conselleiro maior de Contas é Juan Carlos Aladro, antes fiscal xefe de Pontevedra e amigo do presidente Alfonso Rueda. E agora é o conselleiro proposto polo PSdeG, Simón Rego Vilar, quen discrepa da decisión dos seus catro compañeiros de acatar a negativa do Parlamento a ser fiscalizado.
No seu voto discrepante Rego Vilar lembra que o Consello de Contas é unha institución contemplada no Estatuto de Autonomía e polo tanto independente do Parlamento, aínda que este o nomee e aprobe as súas normas internas. Nesa liña, o conselleiro discrepante lembra que segue vixente o regulamento de Contas que contempla que o Parlamento lle remita os seus datos "para a súa fiscalización".
Rego Vilar tamén sinala que nos últimos anos Contas vén reclamando á Xunta que someta á súa fiscalización mesmo entidades nas que a participación pública é minoritaria, como as creadas para impulsar proxectos industriais ou aproveitamentos enerxéticos. Así, o conselleiro di que "resulta complexo de entender como neste suposto o Consello de Contas require a rendición de contas das ditas entidades, e, en cambio, en relación co Parlamento de Galicia, con mandato xurídico expreso, acórdase o decaemento da dita fiscalización, en contra dos acordos do Pleno da Institución dos exercicios 2023 e 2024".
O conselleiro discrepante lembra que "son múltiples os exemplos a nivel europeo nos que os órganos de control externo son fiscalizados polas Institucións de Auditoría Externa, homólogas ao Consello de Contas", entre os que cita os parlamentos europeo, británico, portugués, valenciano ou navarro.
Rego Vilar tamén engade que a aprobación do Plan de Traballo de Contas é unha competencia exclusiva desta entidade e o Parlamento só pode "formular recomendacións" pero "en ningún caso" ditar mandatos imperativos. O agora ocorrido, conclúe, implica "un risco moi significativo para a garantía institucional da independencia do control externo, en tanto se asimilan recomendacións ou suxestións da Comisión Parlamentaria con mandatos imperativos para o Consello de Contas".
Os grupos parlamentarios argumentaron que "o control externo do Parlamento está garantido con plenitude" polos artigos da Constitución que fan referencia ao Tribunal de Cuentas estatal, que nunca o fixo
No seu momento, cando o Parlamento modificou o seu propio regulamento para evitar a fiscalización de Contas, sinalou que "o control externo do Parlamento de Galicia está garantido con plenitude polas previsións dos artigos 153.d) e 136 da Constitución. E o que fan eses dous artigos é remitir ao Tribunal de Cuentas estatal, "supremo órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do Estado, así como do sector público". Un Tribunal de Cuentas que fiscaliza mesmo á Casa Real pero non o fixo nunca co Parlamento de Galicia porque as súas funcións asúmeas en Galicia o Consello de Contas.