O Consello de Seguridade Nuclear (CSN) é o organismo que ten as competencias de "seguridade nuclear e protección radiolóxica" en todo o Estado. Non obstante, algunhas das súas funcións levan décadas exercendo diversas comunidades autónomas mediante acordos de encomenda que non supoñen un traspaso de competencias, pero si o seu exercicio cotián pola autonomía.
CNS e Consellería de Presidencia acordan que o ente estatal asuma as funcións que leva exercendo a Administración galega dende que Fraga as asinou en 1990
No caso galego esa encomenda data de novembro de 1990. Foi daquela cando, menos dun ano despois de chegar á presidencia, Manuel Fraga asinou -con Donato Fuejo, na altura presidente do CSN, médico vigués e histórico militante socialista dende os tempos da clandestinidade- o acordo para que fose a Xunta a que realizase a "inspección de instalacións radioactivas" -por exemplo, as máquinas de raios X con fins médicos- e outras tarefas ligadas, como a vixilancia de transportes de combustible nuclear. Trinta e seis anos despois ese acordo vén de quedar suspendido porque se xubilou o único funcionario da Administración galega que realizaba ese traballo, o veterano xefe do Servizo de Vixilancia Radiolóxica, dependente da Consellería de Presidencia.
Como avanzou El Correo Gallego e Praza.gal puido comprobar documentalmente, o pasado 22 de outubro o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, asinou co presidente do CNS, Juan Carlos Lentijo, unha engádega a aquel acordo de 1990 para suspender a encomenda á Xunta. Non a recuperará ata que conte cunha persoa coa formación precisa para asumila, ao xeito do traballador agora xubilado.
O funcionario "cuxa idoneidade foi apreciada" en 1991 "causou xubilación" e "na actualidade, a Xunta non dispón doutro inspector/a que cumpra os requisitos"
O Boletín Oficial do Estado reflectiu, o pasado día 2, os detalles e antecedentes da mudanza. Foi, lembra, a finais de 1991 cando entrou en vigor esta encomenda, coa Xunta asumindo "as inspeccións de control e funcionamento das instalacións radioactivas e de radiodiagnóstico médico e de transporte de material radioactivo" porque foi daquela cando foi "apreciada favorablemente polo CNS a idoneidade da persoa funcionaria pertencente á Xunta" e a "dotación de medios necesarios".
Pero esa mesma "persoa funcionaria, cuxa idoneidade foi apreciada polo CSN" hai máis de tres décadas, "causou xubilación". "E na actualidade a Xunta non dispón doutro inspector/a que cumpra os requisitos" e recibise o visto e prace do CSN. Esta circunstancia, abonda, "supón a perda sobrevida dos medios persoais idóneos esixidos" e por iso, explicita, o Goberno galego e o organismo estatal "consideran necesario suspender temporalmente a execución da Xunta das funcións" encomendadas. Así o pactaron o pasado xuño sen que transcendese ata agora.
Desta maneira, "mentres subsista a falta de medios persoais idóneos na Xunta" será directamente o CNS quen se encargue en Galicia das inspeccións de instalacións radioactivas -son algo máis de medio cento no noso país-, aparellos de radiodiagnóstico médico e transporte de material radioactivo. Mentres dure esta suspensión, tamén será función do CNS custodiar toda a documentación destes labores e a Xunta asume a obriga de "facilitar" ao organismo estatal "o acceso á información, expedientes e documentación que resulten necesarios" para, entre outros aspectos, continuar os trámites que estean en marcha.
O acordo fica en suspenso "mentres subsista a falta de medios persoais idóneos na Xunta", que perde tamén os ingresos económicos por estes labores ata que poida retomalos
Os datos máis recentes, divulgados pola Xunta en 2025 e correspondentes ao exercicio previo, apuntan a que a Administración galega realiza unhas 60 inspeccións radioactivas ao ano. Naquel 2024 a maioría (50) foran instalacións en funcionamento, catro a transportes e as restantes, colaboracións co CSN en instalacións que se ían poñer en fucionamento
Alén da mudanza na xestión e da súa vertente de significado político, a perda temporal destas funcións tamén ten implicacións económicas. Porque "mentres o CNS exerza directamente as funcións", a Xunta non vai cobrar "importe ningún en concepto de participación nas taxas correspondentes" por preparar propostas de informes técnicos para autorizar instalacións radioactivas, por inspeccións nin vixilancias. Os Orzamentos da Xunta para 2027, actualmente en trámite no Parlamento, prevén ingresar do CSN 64.000 euros en aplicación do acordo agora suspendido, un importe semellante ao de anos anteriores.
Segundo o acordado e agora feito oficial, a suspensión vaise "manter mentres a Xunta non dispoña de medios persoais idóneos para o seu desempeño" e "o CNS non aprecie favorablemente a idoneidade" da nova persoa ou persoas encargadas. Será daquela cando corresponda asinar unha nova "acta de entrada en vigor" da encomenda de funcións á Administración galega.