O curso político que pode cambialo todo (ou non)

Xuntanza da dirección do PPdeG tras as municipais CC-BY-SA PPdeG

Entre 2004 e 2005 o taboleiro político mudou moi notablemente en Galicia e no Estado. No caso galego, as eleccións municipais de 2003 foran un serio aviso para a outrora todopoderosa máquina electoral do PP de Manuel Fraga que, como tras o pasado 24M, quedou con Ourense como único reducto de poder urbano. En marzo de 2004 as eleccións xerais situaron o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero en La Moncloa e, ao abeiro do novo ciclo político estatal, o PSdeG de Emilio Pérez Touriño alargou unhas expectativas de goberno que cristalizaron na primavera do ano seguinte, nos comicios do 19 de xuño que Manuel Fraga adiantou coa presión de Madrid e co desacordo de boa parte do PPdeG. Unha década despois case nada é igual na política galega -e tampouco na española-, pero se en algo cadran os dous períodos é na posibilidade de seren o escenario de cambios políticos profundos.

O actual Goberno galego e o partido que o sustenta chega a este setembro tentando, aínda, recompoñerse do pau das municipais, un devalo sen precedentes en número de votos e, sobre todo, en poder efectivo. Os de Feijóo fían esta eventual recomposición, esencialmente, a tres factores: a posible percepción dunha certa recuperación económica, o anuncio de diversas medidas en clave social -algunhas delas dirixidas a paliar recortes aprobados polo propio PP- e o cambio de imaxe do partido, que canalizan a través dun "relatorio político" titulado As persoas no centro, cuxo desenvolvemento inclúe actos públicos, encontros con colectivos sociais e a colocación en primeira liña de dirixentes de perfil máis mozo. A estes tres factores engádese un coa vista posta nos rivais: a confianza nun rápido desgaste dos gobernos das mareas e o discurso do medo a alianzas do PSdeG cunha suposta "esquerda radical", que o propio presidente xa despregou con dureza antes do 24M.

Este é o pano de fondo co que os conservadores galegos afrontan un período no que paira sobre si un interrogante esencial: se o seu rostro en 2016 será o de Feijóo. Esta pregunta non a responderán, a priori, ata a vindeira primavera e estará condicionada, en boa medida, polo resultado das xerais de decembro. Unha eventual perda do Goberno de España abriría a carreira da sucesión de Mariano Rajoy e, ademais, alimentaría as posibilidades de cambio en Galicia ou, o que é o mesmo, as posibilidades de que Feijóo evitase situarse nun cartel electoral con máis posibilidades de oposición que de goberno.

Unha eventual perda do Goberno de España por parte do PP alimentaría a expectativa de cambio en Galicia

Con todas estas pezas sobre o taboleiro neste inicio de setembro os conservadores regresan, en boa medida, á situación inmediatamente posterior ás municipais, notablemente aliviada entre finais de xuño e principios de xullo ao recibiren a Deputación de Lugo de mans do alcalde socialista de Becerreá e aínda máis ao producirse a imputación xudicial do secretario xeral do PSdeG por unha autorización urbanística da súa etapa como concelleiro. Ambos balóns de osíxeno semellan estar a picar nas últimas semanas por mor de dous conflitos que o pasado xoves estouraron nas rúas de Lugo e Vigo con dúas multitudinarias mobilizacións para esixir prezos xustos no sector lácteo e sanidade pública de calidade, respectivamente.

Os balóns de osíxeno que o PP recibiu a finais de xuño semellan picar por dous conflitos que veñen de estourar nas rúas de Lugo e Vigo

A profunda crise gandeira e a accidentada estrea do novo hospital de Vigo levou o presidente a parapetarse por tras das conselleiras de Medio Rural e Sanidade, unha estratexia a priori arriscada, especialmente no caso sanitario. O papel de Rocío Mosquera, cuxa erosión política vén de lonxe, deixa notablemente descuberto a Feijóo nunha área que el supervisa persoalmente -adoita apelar á súa experiencia no Sergas e no Ministerio de Sanidade- e cuxos emblemas, os novos hospitais de Lugo e Vigo, se traduciron electoralmente en evidentes fracasos que aproveitaron os socialistas.

Os populares fían parte do futuro ás decisións de De Lara sobre Besteiro e á posibilidade de que non se artelle unha alternativa potente á esquerda do PSOE

Unha década despois da treboada política e social por conflitos como as vacas tolas, o Prestige ou a teimosa defensa da guerra de Iraq, os populares vólvese enfrontar a unha encrucillada na que aspira ao triunfo con porcentaxes de voto que hai moi pouco serían un fracaso. O mantemento do poder na banda dereita xa non semella depender en exclusiva da marxe de manobra dun PP que, asemade, fía boa parte do seu futuro ás decisións da xuíza De Lara a respecto de Besteiro e á posibilidade de que, á esquerda do PSOE, o conglomerado social e político que impulsou as mareas e as forzas que as apoian, así como o soberanismo nucleado polo BNG, non sexan quen de artellar alternativas electorais con potencia ou fiabilidade dabondo.

Besteiro, nos actos do PSdeG co gallo do Día Nacional de Galicia CC-BY-NC-SA PSdeG
Xuntanza da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica
Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.