O electorado pode pedir ata o 18 de marzo non recibir propaganda electoral na casa

Propaganda remitida por diversas formacións políticas antes dunhas eleccións CC-BY-SA Praza Pública

A lei de protección de datos do ano 2018 trouxo consigo diversas mudanzas na materia, fundamentalmente para adaptar a lexislación ás esixencias da UE e máis para introducir disposicións vinculadas ao uso dos datos en internet, sen desenvolvemento na normativa anterior. Unha das disposicións implicou unha reforma do artigo 39 da lei electoral e permite que a cidadanía poida deixar de recibir propaganda electoral dos partidos políticos na casa. As eleccións xerais do 28 de abril son, no caso galego, as primeiras nas que rexe este dereito, que pode ser exercido ata este 18 de marzo.

O apartado da lei electoral que foi modificado pola nova normativa de protección de datos é o que regula a rectificación do censo en período electoral. Así, ademais de poder solicitar unha modificación do censo para corrixir datos erróneos -como nomes ou enderezos-, agora tamén é posible "opoñerse á inclusión nas copias do censo electoral" que se facilitan aos partidos políticos "para realizar envíos postais de propaganda electoral". Isto é, para non recibir na casa a propaganda dos partidos que adoita chegar acompañada por sobres e papeletas de votación.

A solicitude de exclusión na recepción da propaganda  debe realizarse ata o 18 de marzo para que atinxa xa ás eleccións xerais; en caso contrario estaría vixente para o seguinte proceso electoral, as municipais e europeas

Esta solicitude pode formularse por dúas vías. Unha é por internet, a través da sede electrónica do INE, na que se inclúen os trámites relativos ao censo electoral. Para poder facelo cómpre contar cun dos certificados electrónicos que recoñece esta sede electrónica ou estar de alta no sistema de identificación dixital Cl@ve. A outra, presencialmente nos concellos ou consulados nos que están expostos os censos para o 28-A.

Como explica a Oficina do Censo, esta solicitude de exclusión do censo que é entregado aos partidos é "permanente". Daquela, se a persoa que pide non recibir propaganda electoral quere volver recibila nun futuro ten que realizar o mesmo trámite en sentido contrario. Para que a exclusión xa rexa nas eleccións xerais do 28-A o trámite debe completarse antes da fin do período de exposición do censo, isto é, o devandito 18 de marzo. Se é realizado máis tarde o nome en cuestión sería excluído do censo dos partidos no seguinte proceso electoral, neste caso as municipais e europeas do 26 de maio.

O controvertido 'spam' electoral

Pero a reforma do 2018 non implica só novas garantías para a cidadanía nos procesos electorais. Tamén novas incertezas e riscos no que atinxe á privacidade, porque tamén reformou a lei electoral abrindo a porta a que as formacións políticas poidan elaborar perfís ideolóxicos da cidadanía a partir de información tirada nas redes sociais, podendo así colocar mensaxes personalizadas para pedir o voto, situar determinados temas na axenda pública ou, no peor dos casos, tentar influír na vontade da poboación mediante a difusión de informacións falsas.

A nova lei non implica só novas garantías; tamén trae consigo novas incertezas e riscos, como a posibilidade de que os partidos elaboren perfís ideolóxicos da cidadanía tirando información das redes sociais

Coa vista posta nas eleccións do 28-A a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de publicar no BOE unha circular na que reitera as súas advertencias sobre o uso de datos da cidadanía en internet por parte das formacións políticas. Así, a AEPD subliña aspectos como que "só poderán recompilarse as opinións políticas que fosen libremente expresadas" no "exercicio do dereito á liberdade ideolóxica e á liberdade de expresión" e "en ningún caso, poderán tratarse outro tipo de datos persoais" que, mediante o uso do big data ou a intelixencia artificial, permitan "chegar a inferir a ideoloxía política" dunha persoa en concreto.

Aplicacións instaladas nun teléfono móbil Dominio Público Diario Turing

A Axencia de Protección de Datos lanza advertencias sobre os límites que os partidos deben seguir para tratar estes datos, se ben colectivos vinculados á defensa da privacidade advirten dos riscos desta porta aberta

Neste sentido, abonda a Axencia, "as únicas fontes das que se poden obter os datos persoais sobre opinións políticas son as webs e outras fontes que sexan de acceso público", entendendo como tales "aquelas cuxa consulta poida ser realizada por calquera persoa" e non as "restrinxidas a un círculo determinado de persoas". Entre as advertencias da AEPD inclúese ademais que os partidos só poden tratar os datos relativos ás circunscricións nas que se presentan.

Malia estas directrices, diversos colectivos vinculados á defensa da privacidade en internet advertiron xa dos riscos desta porta aberta pola nova lei e puxeron en marcha diferentes iniciativas legais para tentar que os partidos teñan prohibido realizar perfís ideolóxicos da cidadanía con este tipo de datos. A sombra do acontecido en procesos electorais como os dos Estados Unidos ou, máis recentemente, as eleccións brasileiras nas que o ultradereitista Bolsonaro empregou masivamente as noticias falsas distribuídas a través de WhatsApp, levan estas organizacións e persoas a estar en alerta ante eventuais usos fraudulentos como os realizados por Cambridge Analytica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.