O goberno local da Coruña volve ser punto de encontro de alcaldesas de todo o Estado. Ao xeito da xuntanza impulsada no remate do anterior mandato, a rexedora coruñesa exerceu este 1 de outubro de anfitrioa dunha trintena de mandatarias locais para, baixo o lema Tomando decisións para cambiar o mundo, reivindicaren a perspectiva de xénero nas cidades "no seu deseño, economía e forma de liderar", resume Inés Rey.
Á convocatoria lanzada a alcaldesas de capitais de provincia ou comunidade autónoma e outras urbes de máis de cen mil habitantes responderon un total de 32. A representación galega, xunto a Rey, está encabezada polas alcaldesas de Santiago e Lugo, Goretti Sanmartín e Paula Alvarellos.
No inicio do encontro, as tres rexedoras que actualmente ostentan os bastóns de mando en cidades galegas rubricaron a Declaración de María Pita co compromiso de "loitar pola igualdade dende as institucións". Canda elas, fixérono tamén responsables de gobernos municipais doutros puntos do Estado: Carolina Darias (Las Palmas), Amaia del Campo (Barakaldo), Miriam Andrés (Palencia), Patricia Cavada (San Fernando), Aída Castillejo (Rivas Vaciamadrid) e Sandra Guaita (Reus).
"Volvemos comprometernos co feminismo como foro presente da nosa acción de goberno", subliña Inés Rey
Outras vinte e tres alcaldesas galegas sumáronse tamén ao texto. "En total -resaltou Rey- as mulleres que estamos neste salón de plenos representamos a case dous millóns de persoas". Fixérono, agrega, para "comprometernos coa igualdade dende os nosos concellos" e "traballar por cidades seguras, inclusivas, que incorporen a variable de xénero" nas decisións. "E volvemos comprometernos co feminismo como foro presente da nosa acción de goberno", subliña.
Tras os actos institucionais da mañá, as sesións da tarde deste martes son abertas á cidadanía. Será tanto de maneira presencial no Palexco como a través dunha retransmisión accesible a través da canle de YouTube do Concello da Coruña.
Tras a inauguración por parte da alcaldesa coruñesa, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, chegarán dúas mesas redondas: Mulleres no poder local: novas políticas nas axendas do cambio, na que a alcaldesa de Santiago participa coas súas homólogas de Las Palmas, Barakaldo e Alcorcón; e A cidade das mulleres: traballando dende o espazo urbano para a innovación local, coa alcaldesa de Lugo e as rexedoras de Rivas, Reus e San Fernando.