O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto que endurece os requisitos para a creación de novas universidades privadas en pleno auxe do que o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, cualificara o pasado mes de marzo como "chiringuitos educativos".
Referíase Sánchez a aquelas universidades que, malia non garantiren un mínimo de calidade na ensinanza, proliferan e se multiplican desde hai tempo. Nos últimos 25 anos, como lembra o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, creáronse 26 privadas no Estado, nun período no que non se inaugurou nin unha soa pública. Ante esta situación, o Goberno de España vén de aprobar un Real Decreto que endurece os requisitos de calidade en ciencia, solvencia económica ou tamaño.
A medida chega nun momento no que as tres universidades públicas galegas critican, precisamente, a falta dunha calidade mínima e duns requisitos equiparables aos seus no caso das titulacións da universidade privada que Abanca implantou en Galicia ou advertindo dos mesmos problemas para a que Cesuga e varias empresas impulsan na Coruña, que ten o voto en contra da Conferencia Xeral de Política Universitaria (CXPU) e da que a Xunta asegura non ter trámite ningún en marcha para autorizala.
O Real Decreto de universidades aprobado este martes porá máis atrancos, non só para a posible creación doutra universidade privada en Galicia, senón para a continuidade da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) que lidera Abanca. A nova normativa ten como obxectivo, segundo o Ministerio, "garantir a calidade das universidades españolas, sexan públicas ou privadas", así como "mellorar os mecanismos de supervisión e control" ante riscos como o peche "por falta de solvencia económica".
O decreto endurece os requisitos para crear novas universidades ante o "crecemento acelerado de privadas" e para "protexer o prestixio e solvencia do sistema universitario"
O Ministerio xustifica a súa aprobación polo "crecemento acelerado de universidades privadas, algunhas delas sen cumprir cos estándares mínimos de calidade en docencia e investigación" e co propósito de "protexer o prestixio e a solvencia do sistema universitario". De aí que considere "necesario endurecer os criterios e reforzar os mecanismos de supervisión".
O Goberno de España advirte do risco de que "xurdan universidades cunha calidade degradada" e que "só se preocupen por maximizar o beneficio económico", coas consecuencias futuras que iso pode ter no que ten que ver co prestixio dun título "desvalorizado" ou no caso dun posible peche.
Na presentación do Real Decreto, a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, foi máis aló e alertou da posibilidade de "volver a esa España na que se poderá estudar se a túa familia o pode pagar". De aí que instase ás comunidades autónomas "a financiar de maneira axeitada as súas universidades públicas", nunha demanda na que coincide coa que acotío realizan os tres reitores das universidades públicas galegas ante a Xunta.
O Goberno central non terá finalmente a última palabra para autorizar a creación dunha universidade; será a ACSUG quen decida n Galicia
Con este novo decreto, a calidade do proxecto será a base fundamental sobre a que se decidirá sobre o visto e prace ou non a unha nova universidade. A Axencia Nacional de Avaliación da Calidade Universitaria (ANECA) ou as axencias de avaliación autonómicas se as hai —no caso de Galicia a ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia)— serán as que decidan.
Se esta axencia dá un informe favorable, a universidade sairá adiante, pero se non o é, o proxecto caerá nese momento. Como ocorre agora, será preceptivo tamén un informe técnico do Ministerio que non será vinculante, polo que pode darse o caso de que unha iniciativa saia adiante malia contar coa decisión en contra do Goberno de España.
Este foi un dos requisitos que o Goberno central tivo que modificar, xa que pretendía que o informe da CXPU estatal si fose vinculante, así como que fose obrigatorio ter experiencia previa en xestión universitaria para abrir novos centros, requirimento que tampouco foi incluído finalmente.
O novo decreto exixe un mínimo de 4.500 estudantes nos primeiros seis anos de funcionamento; a universidade privada de Abanca rolda os 500
O decreto tamén establece que calquera universidade deberá ter un mínimo de 4.500 estudantes durante os primeiros seis anos de funcionamento, con "prazos de adaptación e marxes de flexibilidade" que o faciliten. Por poñer un exemplo, a universidade privada de Abanca en Galicia conta con arredor de 500 alumnos e o seu reitor, Miguel Ángel Escotet, cargou hai xa meses contra esa cifra mínima de alumnado que prevía o decreto ao rexeitar a "masificación" e o "amoreamento" do estudantado.
Tal e como se destacaba nesta análise en Praza.gal, non sería ese o único requisito que incumpriría a UIE —creada en xullo de 2021 e que chegará en 2026 ao seu quinto ano de vida— para continuar coa súa autorización, xa que nesta altura non dedica o 5% do orzamento a investigación nin conta con dez titulacións, por exemplo.
Con todo, o maior ou menor atranco á proliferación da universidade privada en Galicia dependerá moito da vontade da Xunta, que nos últimos anos está a relaxar as exixencias e controis sobre estes centros alegando que así favorece a competencia.
O número mínimo de alumnado en 4.500 é, segundo explica o Ministerio, "coherente cos mínimos de títulos exixidos (10 de grao, 6 de máster e 3 de doutorado)", ademais de "asegurar a solvencia económica, a capacidade de investigación e a dispoñibilidade de equipamentos e servizos de calidade".
As universidades deberán ter aloxamento para o 10% do alumnado, dedicar o 5% do orzamento a investigación e a metade do profesorado doutorado
Ademais, as universidades de nova creación deberán contar con aloxamento para, polo menos, o 10% do seu alumnado, "garantindo a mobilidade e promovendo a igualdade de oportunidades ante o encarecemento e a escaseza de vivenda". No que ten que ver coa solvencia financeira, exixirase un aval equivalente ao orzamento universitario correspondente ao terceiro ano de exercicio.
Tamén hai requisitos respecto do cadro de persoal, que debe ser de entre 350 e 500 profesores como mínimo. Ademais, e para evitar que as universidades sexan centros só docentes, determínase que se debe dedicar o equivalente ao 5% do orzamento á investigación e que se deberá capta financiamento externo mediante concursos competitivos por máis do 2% do presuposto. Por outra banda, o 50% do profesorado debe ser doutor e deste, un 60% deberá ter un sexenio de investigación.
"Exixentes pero realistas"
No caso das universidades a distancia, o decreto establece que a súa tramitación parlamentaria estará en mandas das Cortes Xerais e non das comunidades autónomas, como ata agora, ao entender o seu ámbito de actuación como estatal. Esta condición será así por norma xeral agás en tres excepcións: se estas universidades se guían por prezos públicos, se teñen un mínimo do 20% de financiamento público autonómico e se imparten a maioría de titulacións nunha lingua cooficial que non sexa o castelán. Nestes tres casos, non será necesario o trámite de Congreso e Senado senón seguir o procedemento marcado en cada comunidade autónoma.
O Ministerio explica que este Real Decreto "non restrinxe a apertura de novas universidades" senón que "garante a súa calidade" e aclara que "non se pretende pechar ningunha". "Os novos criterios de creación de universidades son exixentes pero tamén realistas. Case todas as existentes os cumpren e as que non disporán de tempo dabondo para adaptarse", di.
Así, explica que os prazos "amplos de adaptación" serán de tres anos para as universidades en activo, cinco para as de recente creación, seis para alcanzar a masa crítica de 4.500 estudantes e ata sete anos para cumprir algúns dos obxectivos de investigación.