Santiago Freire auséntase da reunión coa Xunta de Persoal onde CIG, CCOO, ANPE e STEG ían volve esixir o seu cesamento alegando a necesidade de atender unha incidencia urxente nun comedor escolar de Lousame, onde tamén foi alcalde: "Xa é coincidencia", ironizan
Este mércores, 25 de marzo, estaba convocada na Coruña a primeira Xunta de Persoal de Educación, órgano que xunta os sindicatos representativos do sector coa Administración, á que debía acudir o novo director territorial da Consellería na provincia, o ex-alcalde de Noia, Santiago Freire. Non acudiu por, xustificou a Consellería, ter que atender unha incidencia nun colexio de Lousame e a súa ausencia non fixo máis que incrementar o incomodo duns sindicatos que volven esixir o seu cesamento.
A controversia acompaña o nomeamento de Freire para este posto, pola ausencia de experiencia no eido educativo e polas súas polémicas como alcalde -dende o caso dos miles de euros en locais hostaleiros pasados polo PP local ao Concello noiés como gastos de funcionamento aos chistes machistas nun acto do 8M-. "Non reúne o perfil profesional nin persoal para un cargo de tal relevancia", resumen CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE e STEG, e por iso "o principal punto da orde do día" do encontro era pedirlle a dimisión.
"Xa é coincidencia", ironizan nun comunicado conxunto, que esta convocatoria cadrase "cunha incidencia nun comedor nun centro de Lousame, concello no que foi alcalde durante varios anos. Foi, explican, o inspector xefe quen tivo que "escusar" a súa ausencia para atender esa circunstancia, "da que xa era coñecedor" na véspera. Que se ausentase "sen comunicalo previamente", lamentan, non deixa de ser a "primeira mostra de falta de respecto cara ao profesorado" no inicio da súa andaina como director territorial.
As centrais sindicais reiteran que "os antecedentes públicos" de Freire, engadidos á súa nula experiencia no eido educativo, fano "incompatible" co posto. Se segue nel, advirten, reclamarán "a mesma dilixencia" ca hoxe para atender en persoa "todos os problemas educativos dos centros docentes da Coruña"
Avanzan, en calquera caso, que se finalmente Freire dá en seguir no posto reclamarán que amose a "mesma dilixencia e presenza física" para "todos os problemas educativos dos centros docentes da Coruña". En calquera caso, os membros da Xunta de Persoal reiteran que "para designar este cargo" a Consellería de Educación debera atender "criterios de mérito, capacidade e coñecemento do sistema educativo" e "os antecedentes públicos do director territorial resultan absolutamente incompatibles" con eles.
"Investigacións abertas por organismos fiscalizadores" -en referencia á denuncia do actual goberno local de Noia polo caso das facturas-, "polémicas polo uso de fondos públicos e comentarios que chocan frontalmente cos valores democráticos e cos principios dunha escola pública, plural e inclusiva" lévanos a insistir "na esixencia de cesamento inmediato". Freire, cuxa designación foi defendida nos últimos días polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e mais polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe ser remudado por alguén que "conte cunha traxectoria profesional vinculada ao ensino e cun compromiso firme cos principios de igualdiade, respecto e servizo público".