As mareas tamén triunfaron nestas eleccións xerais. As principais candidaturas cidadás triunfantes no pasado 24M deron o seu apoio explícito á candidatura de En Marea para estes comicios e, á vista dos resultados, os seus proxectos municipalistas saen reforzados ao manter ou mesmo incrementar o apoio que xa tiveran nas pasadas eleccións locais de hai sete meses.
Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común -as tres candidaturas que gobernan en tres das cidades galegas- implicáronse de cheo nesta campaña da man dos tres alcaldes. Pero tamén Marea de Vigo, Marea de Pontevedra e Ourense en Común, ademais de varias ducias máis de candidaturas municipalistas de vilas máis pequenas, deron o seu apoio claro a En Marea. Os resultados da candidatura de confluencia nas súas respectivas localidades foron, en liñas xerais, moi positivos, especialmente na urbe viguesa, onde se converteu na primeira forza.
En Marea triunfa nas cidades: foi primeira forza en Vigo e segunda nas outras seis cidades galegas
A fortaleza das mareas cidadás, unida ao impulso que outorgou Podemos nuns comicios de carácter estatal, deulle bos resultados a unha candidatura que foi segunda forza en seis das sete cidades galega e primeira en Vigo. En Marea consolida o voto urbano e convértese na primeira forza progresista en todas as urbes.
Así, na Coruña, o apoio á Marea (En ou Atlántica) consolida o espazo de confluencia como a primeira forza do espazo progresista, igualando case na primeira posición co PP e superando con amplitude o PSdeG, nun resultado moi semellante ao que obtivera a plataforma de confluencia o 24M e que lle dera a alcaldía a Xulio Ferreiro. Nesta ocasión, e con máis do 85% escrutado, a nova candidatura obtén o 31% dos votos fronte ao 31,5% do PP e ambas as dúas formacións engaden varios milleiros de sufraxios aos máis de 36.000 que obtiveran o 24M. Daquela, tan só uns vinte votos superaran as dúas forzas. Agora son uns poucos centos.
Os populares -con máis do 93% escrutado-, perden máis de 14 puntos con respecto ás xerais de 2011, mentres que o PSdeG sofre unha caída duns 12 puntos de apoio. NÓS obtivo o 2,8% dos sufraxios fronte a case o 10% do BNG de hai catro anos, mentres que Ciudadanos supera o 11% do apoio.
En Marea consegue practicamente o mesmo apoio que a Marea Atlántica na Coruña, a poucos votos do PP
En Santiago, onde Compostela Aberta (CA) fora a forza máis votada, desta vez foi o PP o que conseguiu o maior número de apoios, pero a formación que lidera o rexedor Martiño Noriega, con máis do 98% escrutado, obtivo máis do 28% dos votos fronte ao 34,6% que acadara CA nas municipais. O PP queda en preto do 35% fronte ao 33,6% do 24M, pero perdendo case quince puntos con respecto ás xerais de 2011.
Na capital de Galicia, o PSdeG queda no 17,7%, case dez puntos menos que nas xerais de hai catro anos, aínda que o apoio aos socialistas aumenta un chisco (tres puntos) con respecto ás locais. NÓS acada algo máis do 5% dos sufraxios e, en comparación co resultado do BNG nas anteriores xerais, cae en sete puntos e queda por baixo de Ciudadanos, que alcanza máis do 10%.
O PP cae quince puntos en Ferrol, onde En Marea queda a menos de dous puntos dos populares
Por outra banda, en Ferrol, En Marea acada tamén a segunda posición por detrás do PP, ao igual que fixera Ferrol en Común (FeC) nas eleccións locais, o que lle permite estar liderando ao alcalde Jorge Suárez un goberno en coalición co PSOE, que volveu ser terceira forza. Nesta ocasión, a candidatura de confluencia acada máis do 30% dos votos fronte ao 20,5 que obtivera FeC e a só dous puntos dos populares, que perden apoio con respecto ás municipais, pero sobre todo en canto a hai catro anos (do 48% ao 32,5%). Naquelas xerais, a formación conservadora cae quince puntos.
En Marea, primeira forza en Vigo
No caso de Vigo, o elevadísimo apoio electoral que o socialista Abel Caballero acadara o 24M -máis do 50% dos votos- non foi nin moito menos extrapolable a estas xerais. O éxito maiúsculo foi o de En Marea, que se converteu na primeira forza na maior cidade de Galicia. Con máis do 95% escrutado, a candidatura de confluencia superou os 50.000 votos e case o 34% dos sufraxios, fronte ao 11,5% que Marea de Vigo acadara nos pasados comicios locais, nos que fora terceira forza.
En Marea supera en máis de 10.000 votos en Vigo ao PP, que perde quince puntos de apoio
En Marea supera na cidade olívica ao PP en máis de 10.000 votos e nuns sete puntos porcentuais, quedando o PSOE no terceiro posto con arredor do 22% do apoio, mentres que NÓS, candidatura nucleada arredor do BNG, obtén menos do 3% dos votos. Os populares perden máis de quince puntos de apoio.
Por outra banda, en Pontevedra, En Marea acadou tamén un importante apoio, situándose como a segunda forza no concello gobernado polo BNG. Obtén case un 27% dos votos e queda a uns cinco puntos do PP, que é a primeira forza pero perde 14 puntos. A Marea de Pontevedra acadara nas municipais pouco máis do 8% dos sufraxios na localidade.
Tamén foi importante o resultado de En Marea na cidade de Ourense. Alí, acadou tamén a segunda posición con máis do 24% dos votos para unha candidatura liderada nesta provincia por David Bruzos, vinculado a Ourense en Común, plataforma cidadá que o 24M obtivera a cuarta posición e o 10,4% dos sufraxios. O PP incrementa apoio con respecto ás municipais pero cae máis de dez puntos con respecto ás xerais de 2011, mentres que Ciudadanos supera o 10% e NÓS queda co 2,5%.
Por último, tamén en Lugo, En Marea acadou a segunda posición, aínda que moito máis preto do PSdeG, con máis do 24% dos votos fronte ao pouco máis do 22% dos socialistas. No caso da capital lucense, LugoNovo, que fora terceira forza co 11,4% nas municipais, non deu o apoio á candidatura de confluencia, algo que si fixo ACE, candidatura nucleada arredor de Esquerda Unida.
Sexa como for, o PP foi a forza máis votada en Lugo, con máis do 35% dos sufraxios, quince puntos menos dos que obtivera nas xerais de 2011 e tres máis dos que apoiaran os populares nas eleccións municipais. NÓS, pola súa banda, obtivo algo máis do 3% dos votos fronte ao 7,85% de hai catro anos. Ciudadanos, que ten un concelleiro na cidade, sumou máis do 11% dos sufraxios.