O Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos xa ten votos dabondo para sacar adiante os seus segundos Orzamentos Xerais, os do ano 2022 que estes días tramita o Congreso dos Deputados. Un ano despois de dar posto fin á era Montoro (os derradeiros orzamentos do PP de Rajoy foron os de 2018 e chegaron, tras sucesivas prórrogas, ata 2021), a confirmación de que os 13 escanos de Esquerra Republicana de Catalunya votarán "si" ao proxecto permite aos socios do Executivo de coalición cadrar a aritmética parlamentaria.
A confirmación do "si" de ERC permite ao Executivo do PSOE e Unidas Podemos xuntar xa máis votos dos precisos para sacar adiante as súas segundas contas públicas
Como informa eldiario.es, as contas do Estado para 2022 sairán adiante porque os 13 votos a prol de ERC chegan tras a confirmación de que tamén votarán si os representantes de EH Bildu (5), PDeCat (4), Más País (2), Compromís (1) e PRC (1). Eses votos, engadidos aos do PSOE e Unidas Podemos suman 180, catro por riba da maioría absoluta. A marxe aumentou dende primeiras horas deste mércores ao confirmarse que as negociacións co PNV (6 escanos) tamén frutificaron.
As conversas que non chegarán a un "si" son as mantidas polo BNG co socios do Goberno de España. O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, confirmaba este martes que o seu voto será unha abstención (en 2021 a formación soberanista optara polo "non") tras unha negociación que cualifica como "decepcionante".
Rego (BNG): "Apoiaríamolos a cambio da intervención pública de Alcoa"
Aínda que o punto de partida foi dende posicións menos afastadas que hai un ano ao incluír as contas un incremento do 29% no investimento territorializado previsto para Galicia e tras o inicio dos descontos na AP-9 que PSOE e Bloque pactaran na investidura de Pedro Sánchez, sinala Rego que o proxecto seguía sendo "mellorable". "Tanto pola ausencia dunha aposta clara e decidida por políticas sociais como polo investimento destinado a Galiza", mantén.
Apunta tamén Rego á "creación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense" como outros aspectos dun desencontro que, apunta, puido virar en acordo se o Goberno de España se comprometese á intervención do Estado na factoría de Alcoa na Mariña a través da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI). "Que non caiba ningunha dúbida; apoiaríamos os Orzamentos a cambio da intervención pública de Alcoa", afirma o parlamentario. "Lamentablemente, o PSOE non estivo disposto a dar ese paso", concluíu para confirmar o que denomina como unha "abstención crítica".
Entre os acordos acadados coas formacións que apoian as contas destaca o mantemento de medidas sociais aprobadas durante a pandemia ou o incremento da presenza dos idiomas oficiais diferentes do castelán nas plataformas audiovisuais
Entre os acordos políticos pechados co resto de forzas que si votarán a prol das contas destacan aspectos como o mantemento de medidas sociais aprobadas durante a pandemia ou un fondo de compensación para as vítimas do amianto, ambas pactadas con EH Bildu. Tamén o acordo "de mínimos" con ERC para que a nova Lei Audiovisual inclúa cotas mínimas de contidos en linguas oficiais diferentes do castelán nas plataformas dixitais coma Netflix e que unha parte dun novo imposto a estas empresas financie producións audiovisuais nestas linguas.
Ambas formacións acordaron tamén diversos investimentos en cadanseus territorios, o mesmo que Compromís para a Comunitat Valenciana. Más País, pola súa banda, salienta acordos como "un primeiro paso" para incrementar as dotacións á atención á saúde mental na adolescencia.