O goberno de Rajoy veta a lei galega para devolver todos os cartos estafados coas preferentes

Informe remitido polo Goberno de España ao Congreso, ao que tivo acceso Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

A historia da AP-9 repítese. Apenas catro meses despois de, estando aínda en funcións, manobrar para impedir que se chegase a debater no Congreso dos Deputados a lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para transferir á Xunta as competencias sobre a Autoestrada do Atlántico, o Goberno de España reproduce a operación e veta outra lei votada por todos os grupos da Cámara galega. Desta volta a prexudicada é a norma que, impulsada inicialmente polo BNG e aprobada definitivamente polo todo o pleno do Parlamento en marzo de 2014, pretendía que todas as persoas enganadas coas participacións preferentes e produtos financeiros semellantes puidesen recuperar "integramente" os seus cartos. A razón que esgrime o Executivo de Mariano Rajoy é que aplicala prexudicaría as cifras do déficit do Estado.

Os argumentos do veto vén de rexistralos no Congreso a asesoría parlamentaria do ministro de Economía, Luis de Guindos. Nun informe de tres páxinas a cuxo contido tivo acceso Praza.gal o propio Ministerio admite que a lei galega -apoiada por PP, PSdeG, AGE e o propio Bloque, que a propuxera- revertería o "proceso de xestión de híbridos" realizado polo Goberno de España durante o ano 2013 a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Mediante ese proceso, resume, as persoas ás que colocaran produtos financeiros como preferentes ou subordinadas "canxearon os seus títulos por capital e débeda" e "sufriron recortes no seu investimento orixinal", isto é, a coñecida popularmente como "quita das preferentes", que comezou prevendo que parte da clientela afectada perdese ata case a metade dos seus cartos.

O Ministerio de Economía admite no seu informe que a lei galega suporía a devolución de todos os cartos estafados pero vétaa porque afectaría ao déficit público

Se "non se realizase este exercicio", explica o informe, o FROB "tería que facer unha inxección adicional de recursos públicos" duns 13.600 millóns de euros, dos que 9.760 correspondería a "investidores retallistas", isto é, a pequenos clientes a quen lle foron colocados produtos complexos, os mesmos que protagonizaron sonoras protestas para esixir que Novagalicia Banco devolvese os cartos das preferentes das desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia. Estas persoas, admite o propio informe, perderon entre o 20% e o 25% dos cartos tras acudiren a procedementos como a arbitraxe de consumo, por medio de sentenzas xudiciais ou a venda de accións polas que os bancos canxearon parte das preferentes.

O gabinete de Rajoy argumenta que a norma suporía máis gasto público porque o Estado aínda controla a matriz de Bankia

Neste escenario, o Goberno central recoñece que se a lei galega chegase a aprobarse "tería efecto sobre ese 20%-25%". Isto é, as persoas estafadas recuperarían todo o perdido. Pero esa devolución "derivaría nun impacto nos recursos públicos" porque o Estado segue controlando BFA, isto é, a matriz de Bankia, e ademais activaríanse "garantías concedidas en desinvestimentos previos". Eses cartos sairía do orzamento do FROB, o mesmo sobre o que se cargaron operacións como o rescate de Novagalicia Banco, do que non se recuperaron uns 8.000 millóns de euros públicos.

Isto, advirte, "xeraría un aumento do déficit", polo que o Executivo español "non presta a súa conformidade" para a tramitación da lei. Faino amparándose no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Goberno bloquear calquera cambio nas leis que implique un incremento do gasto ou unha diminución de ingresos no erario.

O texto vetado

Protesta de persoas afectadas polas preferentes ante o Parlamento en 2012 / Praza.gal

A lei galega establecía unha moratoria aos desafiuzamentos das persoas afectadas

Con esta operación o Ministerio de Economía oponse, a efectos prácticos, a engadir unha disposición adicional e dúas transitorias á lei de reestruturación do sector bancario do ano 2012, a que incorporou ao ordenamento xurídico estatal as condicións do rescate europeo do sector. Nese texto o Parlamento galego fixaba unha definición formal para distinguir persoas aforradoras e clientes retallistas, indicando que se considerarían "aforradores" as persoas que non contratasen previamente produtos financieros complexos ou que cando lles colocasen as preferentes coidasen que estaban a contratar unha conta de aforro ordinaria, así como á clientela que simplemente fose enganada. Ademais, a lei galega establecía que as persoas que se atopasen nesta situación non poderían ser vítimas dun desafiuzamento se non podían afrontar unha hipoteca contratada coa mesma entidade que as estafou.

O día de 2013 en que comezou a tramitación da lei o PP votou a prol no Parlamento galego e en contra no Congreso

Fica así suspendida unha lei que, non obstante, naceu marcada pola contradición no seo do PP. Non en van, o mesmo día en que a lei comezou a tramitarse no Parlamento de Galicia co apoio de todos os grupos o BNG defendeu unha iniciativa practicamente idéntica no Congreso dos Deputados. Mentres, no lexislativo galego, o PP defendía o texto como "un chanzo máis na procura dun fin compartido: que o 100% dos enganados recuperen o 100% dos seus aforros", en Madrid os populares rexeitaban a iniciativa que, acusaron, estaba inspirada por una intención da esquerda de "usar a dor" das persoas enganadas polos bancos.

De Guindos e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.