Os Orzamentos Xerais da Xunta son un documento amplísimo que, alén das grandes cifras das diversas partidas de gasto e as súas variacións e mais das previsións de ingresos, inclúe un texto legal articulado sobre a aplicación das propias contas. No proxecto para 2025 esa lei trae consigo unha disposición adicional -concretamente, a décimo quinta- que dispara os salarios de parte do funcionariado de máis alto nivel: letrados e interventores, encargados de supervisar a legalidade das actuacións da propia Xunta.
O complemento específico do salario do persoal de intervención pasa duns 25.000 euros a 39.000 ao equiparalo co cadro de auditoría do Consello de Contas
Como informa este mércores Faro de Vigo e comprobou Praza.gal nos libros orzamentarios, a xustificación para aplicar unha pronunciada suba retributiva a este corpo funcionarial pasa, segundo o Goberno galego, polas "condicións particulares dos postos de traballo", con "especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade". Concretase equiparando unha parte dos seus salarios, os complementos específicos, aos que perciben os letrados do Consello Consultivo e os auditores do Consello de Contas.
Traducido a euros, o persoal de intervención de nivel funcionarial 30 que ata agora percibía un complemento específico de 24.666,32 euros ao ano pasará a cobrar por ese concepto algo máis de 39.000 euros para equiparalo co persoal auditor do Consello de Contas, en cuxa relación de postos de traballo máis recentemente publicada figuran consignados 39.069,24 ao ano por ese concepto.
A suba sitúa este funcionariado de alto nivel con remuneracións equiparables ou mesmo superiores ás do presidente e demais membros do Consello da Xunta
O incremento será, daquela, duns 15.000 euros anuais por persoa. E dará lugar, a unhas remuneracións brutas -dependendo de variables como antigüidade e a carreira profesional- superiores aos 70.000 euros, semellantes ás dos conselleiros e conselleiras ou á do propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
No caso dos letrados e aludindo as mesmas razóns, nos postos de nivel 30 equipararanse os complementos específicos aos seus homólogos do Consultivo, situado en 29.316 euros anuais. As subas, neste caso, serán máis modestas, toda vez que as vixentes relacións de postos de traballo recollen remuneracións na contorna dos mesmos 24.666 euros. Nos de nivel 28, di a lei de Orzamentos para 2025, experimentarán unha adecuación retributiva que garanta que as retribucións totais experimentarán unha variación igual en termos porcentuais", isto é, arredor dun 20% máis sobre un complemento que actualmente rolda os 18.800 euros anuais.
A lei de emprego público de Galicia, á que se remite a propia modificación salarial recollida nos Orzamentos, explica que o persoal de intervención ten a función de "control da actividade económica e financeira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico".