O Parlamento comeza a elaborar con tres anos de atraso o Plan de Igualdade a que está obrigado por lei

Un teito de cristal no Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

A Cámara admite que inicia "por segunda vez" a preparación do plan tras encargar o primeiro a unha consultora externa e invalidalo os sindicatos

Malia estar obrigado por lei a telo desde hai tres anos, como todas as empresas ou entidades con máis de 50 traballadores, o Parlamento de Galicia vén de iniciar agora "por segunda vez", segundo admite, a elaboración do seu Plan de Igualdade. Faino despois de encargar un primeiro documento a unha consultora externa sen ter en conta previamente, como establece a lei, aos sindicatos, que o invalidaron. Ese primeiro contacto coa representación do persoal para elaborar o plan é o que agora vén de lanzar a Cámara.

Despachos da Presidencia do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

A Lei de Igualdade de 2007, reformada en 2020, estableceu distintos prazos para que as empresas, en función do número de empregados, contasen con Plan de Igualdade. As entidades entre 50 e 100 traballadores, como é o caso do Parlamento, cuns 70 empregados, debían ter o plan antes do 7 de marzo de 2022. A lei tamén estableceu que quen tivese un plan previo debía adaptalo ás novas esixencias antes do 14 de xaneiro de 2022. En todos os casos, a normativa estableceu que a elaboración do plan debe iniciarse como moito 3 meses despois do momento en que se acade a cifra de empregados correspondente, debe facerse desde o comezo de xeito negociado coa representación do persoal e o plan debe estar aprobado como moito un ano despois de iniciarse dita negociación.

En Galicia a Xunta cumpriu e conta co seu Plan de Igualdade negociado cos sindicatos, aínda que nas súas empresas públicas a situación da paridade nas direccións segue empeorando. Pero no caso do Parlamento de Galicia, a Cámara presentou a comezos de 2023 á representación dos traballadores un plan xa elaborado que encargou a unha consultora externa. A representación do persoal rexeitouno e obrigou o Parlamento a iniciar o proceso de cero, como establece a normativa de Igualdade.

Unha cristaleira no Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

A resposta oficial ao seu incumprimento que deu o Parlamento a Praza.gal cando preguntou por esta cuestión o pasado decembro foi que o plan xa elaborado presentado aos sindicatos en febreiro de 2023 era un "borrador" para "iniciar" xunto con eles "a preceptiva negociación". Porén, agora o Parlamento vén de remitir aos sindicatos (CIG, CCOO, CSIF e UXT) unha comunicación informándoos de que quere "por en marcha, por segunda vez, a elaboración e aprobación" do documento, para o que solicita que designen os seus representantes na comisión negociadora "para elaborar o diagnóstico de situación previo ao plan". No escrito remitido aos sindicatos o Parlamento salienta o seu "forte compromiso coa igualdade de xénero e non discriminación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.