O Parlamento Europeo lembra o accidente de Angrois ao reclamar maior despregue do sistema de seguridade que non estaba alí activo

A Plataforma Víctimas Alvia 04155, intervindo no Parlamento Europeo nunha imaxe de arquivo xunto coa portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, en primeiro termo CC-BY-NC-SA BNG

A eurocámara inclúe nun informe sobre os problemas que está a ter o uso do ERTMS en toda Europa unha emenda impulsada polo BNG para acelerar a súa implantación

O Parlamento Europeo aprobou este martes case por unanimidade -cun só voto en contra dunha eurodeputada independente holandesa- un informe [aquí o PDF] que agora remitirá ao Consello e á Comisión Europea sobre os problemas e a lentitude de implantación que está a ter en toda Europa o sistema de control constante da velocidade dos trens ERTMS consensuado como o estándar de uso a nivel comunitario. O informe menciona expresamente nos seus “considerandos” iniciais “que o accidente do tren Alvia en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013 provocou a morte de 80 persoas e feridas a outras 144”, unha referencia ao sinistro no que non estaba activo o ERTMS que foi introducida grazas a unha emenda impulsada polo BNG.

Fragmento do informe do Parlamento Europeo no que se reclama unha maior implantación do ERTMS e se lembra o accidente de Angrois, no que non estaba activo CC-BY-SA Praza Pública

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, especialmente activa na implicación das institucións comunitarias na investigación do accidente de Angrois, salientou este mércores a introdución da referencia expresa ao accidente de Angrois e outro punto do informe que considera “necesario multiplicar urxentemente por dez o ritmo de despregue do ERTMS para lograr a transición dixital e mellorar a seguridade do sistema ferroviario da Unión, así como para mellorar a seguridade dos pasaxeiros e traballadores do sector ferroviario”. O documento pide despregar o ERTMS na rede ferroviaria básica da UE antes de 2030 e na rede global antes de 2040.

Polo accidente de Angrois vai ser xulgado un ex-cargo de Adif que validou que a liña se puxese en servizo sen o ERTMS na curva e que despois autorizou que o sistema tamén fose desactivado a bordo dos Alvia

No accidente de Angrois o ERTMS, que non era obrigatorio, estaba instalado na liña Ourense-Santiago só ata uns quilómetros antes da curva, pero non nela. Aínda así, o sistema avisaría ao maquinista do seu punto de remate, pero no caso de Angrois fora desconectado a bordo dos trens Alvia un ano antes do accidente porque daba fallos que obrigaban aos trens a ir máis lentos. Sen ningún sistema de supervisión da velocidade activo, o maquinista daquel tren Alvia despistouse e non freou a tempo antes da curva. Na causa xudicial aberta polo accidente serán xulgados tanto o maquinista polo seu despiste como o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif que validou que a liña se puxese en servizo sen o ERTMS na curva e que despois autorizou que o sistema tamén fose desactivado a bordo dos Alvia. A instrución puxo o foco en que o ERTMS non era obrigatorio, pero que na súa ausencia Adif debía paliar os riscos da curva con outras medidas que non adoptou.

Agora o informe do Parlamento Europeo repasa a lentitude e os diversos problemas de implantación do sistema e reclama maior implicación á UE e aos estados membros para estender o seu uso en todo o continente.

Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada polo cargo de Adif que será xulgado por Angrois Dominio Público Sumario da causa de Angrois

“Non se pode deixar de dar pasos na mellora da seguridade ferroviaria para evitar que aconteza outro accidente como o do tren Alvia”

“Consideramos fundamental que a Comisión manteña e reforce o carácter vinculante dos obxectivos nas súas revisións” da política de transportes comunitaria, di Miranda. “Non se pode deixar de dar pasos na mellora da seguridade ferroviaria para evitar que aconteza outro accidente como o do tren Alvia”, engade, para criticar que “fronte aos continuos retrasos por parte do goberno do Estado no cumprimento das directrices comunitarias, no BNG continuamos facendo propostas para mellorar a seguridade ferroviaria e avanzar no cumprimento da normativa europea”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.