O persoal técnico de normalización denuncia que non foi convocado para renovar o Plan Xeral da Lingua

Asemblea da CTNL, o pasado marzo de 2024 CC-BY-SA CTNL

O persoal técnico de normalización non foi consultado nin convocado a participar no proceso impulsado pola Xunta para a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL). 

Así o denuncia a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a asociación que agrupa o colectivo profesional de técnicas e técnicos de normalización lingüística, nun comunicado no que desexa facer pública esta situación e mostrar "o seu malestar e sorpresa".

Reunión na Cidade da Cultura de máis dun cento de profesionais para a renovación do PXNL CC-BY-SA Xunta

A CTNL explica que desde o pasado 26 de decembro, cando se iniciou o proceso para ese novo pacto pola lingua coa presentación en sociedade do coordinador dos traballos e das comisións sectoriais, e ata o pasado mércores, cando se reuniron máis dun cento de profesionais a instancias da Xunta na Cidade da Cultura, ninguén da Administración contactou con eles. 

A CTNL denuncia que "non foi contactada nin convocada a ningún tipo de reunión" desde que se iniciou o proceso para a renovación do Plan Xeral de Normalización en decembro

"Entre estas dúas datas transcorreron 48 días nos cales a CTNL en ningún momento foi contactada nin convocada a ningún tipo de reunión, encontro ou intercambio de pareceres respecto da alarmante situación que atravesa a lingua galega", explica o colectivo, que se define como a entidade agrupa "o persoal que a pé de obra, día tras día, é o encargado de facer valer, defender e executar o cativeiro e minguante marco normalizador de que dispomos e cuxas funcións, situación e recursos non temos dúbida de que o secretario xeral da Lingua coñece de primeira man". 

Malia todo, lamentan, a CTNL "non foi escoitada nin chamada a participar nun proceso que, nas voces dos seus promotores e protagonistas, se presenta como aberto á sociedade e coa presenza de institucións relevantes vinculadas co idioma". E así a pesar de que o pasado 30 de setembro, lembra a Coordinadora, e coincidindo co vixésimo aniversario da aprobación do vixente PXNL emitira outro comunicado no que se mostraba "partidaria de reaxustar e actualizar o devandito plan naquelas cuestións que se estimar necesario e oportuno e de abrir sen demora unha nova etapa".

A CTNL critica que o inicio da renovación do pacto pola lingua estea "precedido e rodeado dunha sucesión de medidas antinormalizadoras"

Agora, e ante esta situación, a CTNL asegura que se manterá "expectante á evolución dos traballos" pero que agora non pode "menos que rexeitar e denunciar sen ambaxes e enerxicamente que a súa posta en marcha se vexa precedida e rodeada dunha sucesión de medidas antinormalizadoras e dun discurso por parte do Goberno galego que continúa a vincular a promoción da lingua propia de Galicia coa imposición lingüística e asemade interesadamente pretende rebaixar a gravidade do momento sociolingüístico en que nos atopamos".

Reunión de técnicos e técnicas de normalización CC-BY-SA CTNL

"Seguiremos, en definitiva, dando corpo ao lema que nos acompaña e do que facemos gala desde hai anos. Seguiremos traballan do en lingua! Seguiremos sachando na leira…", conclúen. 

A Consellería asegura que as achegas da CTNL e doutras entidades "serán incorporadas ao longo do proceso"

As críticas da CTNL chegan logo de que a reunión do pasado mércores na Cidade da Cultura provocase tamén as críticas de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a AS-PG e de que a oposición parlamentaria amosase a súa desconfianza sobre o proceso para a renovación do pacto lingüístico por parte da Xunta. 

Preguntada pola denuncia da CTNL, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asegura que o feito de que se reunisen un cento de expertos o pasado mércores. "non quere dicir que as principais organizacións e entidades non vaian ser consultadas". "O propio coordinador do Plan manifestou que as súas achegas serán incorporadas ao longo do proceso e cada comisión citará as entidades da súa área", aclara. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.