O PP defende o veto ás camisolas contra o "decoro" no Parlamento para poder "debater sen presións"

Gonzalo Trenor, deputado do PP, intervindo este 10 de setembro no pleno ante o presidente da Cámara CC-BY-SA PPdeG

O Parlamento de Galicia comezou este martes o primeiro pleno do novo período de sesións. O reinicio da actividade parlamentaria cotiá estivo marcado pola aprobación, na tarde do luns, do documento que ratifica o veto aos actos reivindicativos no recinto parlamentario. O documento, que recibiu luz verde na Mesa da Cámara só cos votos do PP, oficializa tamén a capacidade -xa existente de facto- de prohibir a asistencia de público ás sesións parlamentarias con vestimentas ou imaxes contrarias ao "decoro" da institución.

Ese veto ás indumentarias que "menoscaben o decoro da Cámara" xa comezou a ser aplicado este mesmo martes mentres, pola banda da oposición, continuaban as mostras de rexeitamento a un documento que, defende a Presidencia, non fai máis que "poñer por escrito" restricións xa existentes. Así, no primeiro dos debates do novo curso político, no que o PP freou unha iniciativa do PSdeG para "afastar por lei as pirotecnias e plantas de xestións de residuos das zonas residenciais", os populares xustificaron abertamente o veto. Trátase, din, de que os membros do lexislativo poidan "debater sen presións".

"Calquera pode levar a camisola que queira, pero fóra deste hemiciclo", xustifica o PP

Despois de que, dende o grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez censurase a aplicación destas medidas, dende o PP o parlamentario Gonzalo Trenor proclamou que "esta casa está para que poidamos falar sen que ninguén se poida sentir presionado". "Para que poidamos debater sen sentirnos presionados nin intimidados" están "as normas" coma esta, abonda o conservador, dende cuxo punto de vista "calquera pode levar a camisola que queira", pero "fóra deste hemiciclo". 

Veciñanza da Illa de Ons, coas camisolas reivindicativas no exterior do Parlamento na compaña de Ana Pontón e Luís Bará (BNG) CC-BY-NC-SA BNG

Permitir que o público porte camisolas reivindicativas cando asiste a un pleno da Cámara é para Trenor equiparable a que "puidésemos poñer pancartas" no hemiciclo decididas só "polo grupo maioritario". "Esa protección para vostede, como grupo minoritario, é máis valiosa", retrucou ao deputado dos comúns. O veto, non obstante, non se estende aos propios deputados.

A prohibición xa foi aplicada este martes a veciñanza da Illa de Ons, que non puido seguir a sesión portando camisolas co lema 'Ons en loita'

"Agardo menoscabar moitas veces o decoro entendido como o entende o PP", advertira previamente Antón Sánchez, a cuxo xuízo o grupo que sustenta o Goberno entende como contrario ao decoro todo aquilo que "o moleste". "A palabra decoro -reflexionou- foi un concepto moi utilizado durante a ditadura franquista, atribuíaselle valores nacionais de exemplaridade e de moralidade, a súa, a do franquismo", evocou. "Igual -acusou- que pretenden vostedes impoñer as súas normas" aínda que non sexan quen de explicar "que menoscabo do decoro desta Cámara" se produce cando, por exemplo, "a xente de Casalonga manifesta nunha camisola que non quere un vertedoiro".

Poucas horas despois deste debate o veto volvía saír á palestra. Sucedía despois de que, a través do vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, a institución impedise a veciñanza da Illa de Ons seguir dende a tribuna de convidados un debate sobre o parque das Illas Atlánticas portando camisolas co lema Ons en loita. Ante as protestas da oposición o propio Trenor volveu defender a medida argumentando, ademais, que no período do bipartito existían máis restricións no Parlamento por orde da daquela presidenta socialista, Dolores Villarino.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.