O PP frea unha votación no Parlamento para evitar perdela porque lle faltaba un deputado

Un corredor no interior da sede do Parlamento, no Pazo do Hórreo © Parlamento de Galicia

A presidenta da Comisión de Agricultura interrompeu a votación para que regresase o deputado ausente e garantir a aprobación da iniciativa que pide derrogar a obriga de rexistrar os galiñeiros domésticos, vixente dende 2021

As comisións son os órganos do Parlamento que, divididas sectorial e tematicamente, abordan a tramitación das leis antes de que cheguen ao pleno e debaten iniciativas dos grupos políticos en cada ámbito. A súa composición reproduce a composición plenaria, con maioría absoluta do PP. A sétima é a que se ocupa de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.

Este pasado mércores esa comisión tiña na súa orde do día unha iniciativa coa que o PP buscaba amosar o seu rexeitamento á normativa estatal de hai tres anos que obriga a rexistrar os galiñeiros domésticos de autoconsumo co obxectivo de telos localizados no caso de que xurdan problemas sanitarios como a gripe aviaria. A ausencia momentánea dun dos seus deputados levou os populares a frear a votación para non arriscárense a perdérena.

Momento no que a presidenta da Comisión de Agricultura do Parlamento frea unha votación para evitar o risco de que o PP a perdese CC BY-NC-SA Praza.gal

A presidenta da comisión, a popular Encarna Amigo, iniciou a votación sen decatarse da ausencia dun dos seus compañeiros. Outros dos integrantes do grupo popular si advertiron que faltaba e, mediante xestos, instárona a frear a votación mentres dúas deputadas saían ao corredor para que o ausente regresase. Cando volveu, rematou a votación e a presidenta apelou á "flexibilidade" que, di, noutras ocasións ten con outros grupos.

O PSdeG presenta unha reclamación ao ver claro que o PP quebrantou a norma do Parlamento que prohibe interromper as votacións e que "ningún deputado" entre ou saia agás "caso de forza maior"

Nas bancadas da oposición o episodio xerou unha mestura de hilaridade e incomodidade. Esta última é a que leva o Grupo Socialista a presentar unha reclamación formal ante a Mesa do Parlamento para reclamar a emisión dun informe xurídico ao respecto porque, subliñan, este tipo de condutas contraveñen o Regulamento, as normas que rexen o funcionamento do lexislativo.

O PSdeG refírese, concretamente, ao quebrantamento do artigo 85 desa norma. Ese precepto indica que "as votacións non poderán interromperse por ningunha causa" e engade que "durante o desenvolvemento da votación, a Presidencia non concederá o uso da palabra e ningún deputado poderá entrar no salón nin abandonalo agás caso de forza maior e coa venia da Presidencia".

A iniciativa defendida polos populares e finalmente aprobada reclama derrogar a obriga de rexistrar os poleiros de autoconsumo CC-BY-SA Julio César Cerletti García

Fontes socialistas ven claro que Amigo incumpriu con claridade ese artigo do Regulamento. A reclamación débese, agregan, a que esta é unha conduta reiterada por parte dos populares en diferentes comisións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.