O PP galego aplaude como "promoción turística" a visita do rei Juan Carlos a Sanxenxo da que foxe o seu fillo

Alfonso Rueda e Telmo Martín, este 11 de abril nun acto do PP en Sanxenxo CC-BY-SA PPdeG

A mediados de maio do pasado 2022 Alfonso Rueda levaba uns poucos días exercendo como presidente da Xunta en substitución do dimisionario Alberto Núñez Feijóo e bateu coa súa primeira controversia pública. Ante a expectativa de que o anterior rei de España, Juan Carlos de Borbón, visitase Sanxenxo dende o seu retiro de Abu Dhabi, onde marchou en 2020 en pleno aluvión de escándalos financeiros, considerou que tal feito contribúe a "poñernos no mapa".

Días despois, ante o balbordo xerado, Rueda matizou que a súa fora unha "expresión coloquial". Pero, alén das palabras concretas, consideraba a visita boa "dende o punto de vista da publicidade" e da "promoción turística". Afirmábao mentres o alcalde da vila do Salnés, Telmo Martín, aplaudía sen reservas unha visita na que acabou exercendo como anfitrión.

Visita de Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo en maio de 2022 © María Muíña / Concello de Sanxenxo

Menos dun ano despois, o xornal El Mundo adiantaba esta semana que o anterior xefe do Estado vai volver a Sanxenxo este mesmo mes. Será, outra volta, co gallo da celebración dunha regata. Mentres o actual rei, Felipe VI, se afasta dos movementos do pai mesmo evitando polo momento confirmacións oficiais da visita por parte da Casa Real, o PP e o Goberno galego volven celebrar a viaxe.

"Gústanos que estea alí, é bo para promoción turística de Sanxenxo e de Galicia", di o presidente da Xunta, mentres o alcalde da vila e candidato popular á reelección se declara "encantado". "Coñece moi pouco aos galegos se cre que van recibir cos brazos abertos a un monarca corrupto", retruca Ana Pontón (BNG)

Como hai un ano, o propio Rueda ligou directamente a visita co turismo en clave positiva. Galicia, dixo Rueda o pasado luns en Madrid a preguntas dos xornalistas. "Gústanos que estea alí, é bo para promoción turística de Sanxenxo e de Galicia" e por iso "acollerémolo cos brazos abertos". Neste sentido, o xefe do Goberno galego dá tamén en afirmar que, durante a anterior visita -na que só acudiu a instalacións náuticas de Sanxenxo-, "en xeral" e por "abafadora maioría", Juan Carlos de Borbón recibiu o "agarimo" do "pobo galego".

Rueda reeditaba o seu aplauso á controvertida visita do monarca escasas horas antes de acudir precisamente a Sanxenxo, onde este martes protagonizou xunto ao alcalde un acto do PP dirixido ao empresariado da contorna, presentado como "almorzo económico con empresarios". Neste contexto, o rexedor da vila e candidato á reelección volveuse amosar "encantado" pola viaxe de Juan Carlos de Borbón, que "vén como un cidadán máis", dixo en declaracións que recolle Pontevedra Viva

Defende Telmo Martín que é "importante" que o anterior rei "veña moitas veces" e que ademais o faga para "gozar do que máis lle gusta, que é a vela". Neste sentido, e á espera da confirmación dos detalles da visita, o alcalde e líder do PP local advirte de que no municipio "estaremos á disposición do que queira" e Juan Carlos de Borbón recibirá "hospitalidade" e "agarimo" como a "calquera cidadán, veña de onde veña".

O entusiasmo dos populares coa viaxe do rei emérito suscitou outra volta críticas por parte do BNG. A xuízo da súa portavoz nacional, Ana Pontón, "Rueda coñece moi pouco aos galegos e ás galegas se pensa que van recibir 'cos brazos abertos' a un monarca corrupto e fugado da Xustiza por malversación. Non somos súbditos!", afirmou a través das redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.