O voto en contra do grupo parlamentario do Partido Popular impediu este martes que o pleno do Parlamento admitira a trámite a iniciativa lexislativa popular (ILP) para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais, respaldada por 17.838 sinaturas, que solicitaba engadir na vixente lei de pesca dous artigos para que estas actividades sexan declaradas como de interese xeral en Galicia.
A iniciativa xurdiu –explican os promotores– “dun sentimento xeneralizado de indefensión no sector do mar de baixura fronte aos novos escenarios e ameazas que aparecen neste século: o cambio climático, a competencia doutros actores polo espazo marítimo e pola calidade e cantidade da auga”. O seu percorrido rematou este martes ao non lograr o apoio maioritario na Cámara, a pesar de contar cos votos favorables de BNG, PSdeG e DO.
“Queren o sector do mar desprotexido fronte ás empresas eólicas, mineiras, celulosas e tamén fronte á peixecultura industrial. Porque queren mudar de modelo produtivo; se non, non se explica como deixan morrer o mar”, replicou Xaquín Rubido, un dos promotores da ILP e o encargado de defendela no hemiciclo.
Na tribuna pública do hemiciclo no Pazo do Hórreo estiveron patróns maiores e presidentes das principais agrupacións bateeiras e mariscadoras, así como alcaldes e alcaldesas dos concellos da ría de Arousa. Fóra, ás portas da Cámara, houbo unha concentración de representantes do sector do mar.
O obxectivo da iniciativa consistía na introdución de dous novos artigos que se sumasen ao artigo quinto do título primeiro da vixente lei galega de pesca. Así, buscábase engadir que “se declaren a todos os efectos de interese xeral as actividades de pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos realizadas no ámbito xeográfico competencial da Xunta de Galicia”.
O obxectivo da ILP que non acadou o apoio maioritario no Parlamento era que "se declaren a todos os efectos de interese xeral as actividades de pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos" por lei en Galicia
Ademais, a ILP introducía a encomenda de que os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo en Galicia fosen “priorizar e garantir o exercicio das actuais actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura de bivalvos” en Galicia, “fronte a calquera outro proxecto ou explotación ou á introdución de actividades que resulten incompatíbeis ou supoñan unha afectación negativa para as actividades produtivas devanditas”.
Neste sentido, tamén se solicitaba engadir na lexislación que ante calquera proxecto ou explotación que supoña un uso do espazo marítimo onde se estean desenvolvendo as devanditas actividades “será preceptivo e vinculante un informe da Consellería do Mar, que de ser negativo obrigará ao órgano competente a ditar unha resolución motivada poñendo fin ao procedemento e arquivando as actuacións”. Un informe que, segundo se explicitaba na ILP, “será remitido no prazo máximo de trinta días”.
Na exposición de motivos da ILP lembraban que no ano 2020 os sectores da pesca –principalmente de artes menores–, marisqueo e acuicultura –principalmente cultivos extensivos de bivalvos–, aos que hai que sumar as industrias de procesado e conservación destes produtos representan o 1,8% do PIB galego.
“Galicia destaca no contexto estatal pola súa especialización nos sectores de pesca, marisqueo e acuicultura. Estas ramas de actividade primaria do mar desenvolvidas en Galicia contribúen con máis do 40% do VEB (valor engadido bruto) xerado en España pola pesca, marisqueo e acuicultura; e con máis do 55% en termos de emprego. En ningún país da Unión Europea as actividades relacionadas con estes sectores teñen tanta significación no ámbito social e económico, como en Galicia”, salientaban.
"En ningún país da Unión Europea as actividades relacionadas con estes sectores teñen tanta significación no ámbito social e económico, como en Galicia", salientan os promotores da ILP
O texto da ILP que se debateu este martes é o resultado da participación do tecido social vinculado profesionalmente ao mar, que contaba co apoio da Federación Galega de Confrarías e as federacións provinciais, ademais de todo o sector bateeiro, asociacións de mulleres do sector como ANMUPESCA e Mulleres Salgadas, dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, e tamén dos concellos da ría de Arousa: Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo.
As persoas promotoras da iniciativa fixeron un chamado ao diálogo “para poder mudar o rumbo e evitar a práctica desaparición dun sector nuclear para Galicia”. “Vostedes pregoan que Galicia sabe a mar. Mais o desleixo na xestión do sector, o abandono do exercicio das súas competencias, e sobre todo esa falta de compromiso co modelo sostible de Galicia que representa a pesca artesanal, a acuicultura tradicional e o marisqueo, déixanos no ánimo un sabor a mar podre”, concluíu Xaquín Rubido tras coñecer que o PP non apoiaría a ILP.