O PP promove que o Parlamento vote a prol de ENCE na ría de Pontevedra a dous días da campaña do 28A

Xunta de accionistas de ENCE, celebrada en Madrid o pasado marzo © ENCE

O pasado marzo o Goberno de España realizou ante a Audiencia Nacional un xiro de 180 graos a respecto da súa posición oficial sobre a permanencia da factoría de ENCE á beira da ría de Pontevedra ata o ano 2073 en virtude da prórroga concedida polo Executivo de Mariano Rajoy en funcións en xaneiro de 2016. A través da Avogacía do Estado o Goberno de Pedro Sánchez renunciou formalmente a seguir defendendo a prórroga da pasteira fronte a quen piden a súa anulación -Concello, Greenpeace e Asociación pola Defensa da Ría- e abriu así a porta á súa marcha.

O xiro do Goberno de España ao deixar de opoñerse aos recursos do Concello, Greenpeace e APDR contra a prórroga concedida polo Executivo de Rajoy volveu abrir a porta a que a pasteira saia da ría

O movemento gobernamental suscitou toda unha fervenza de reaccións, a comezar polas da propia compañía papeleira, que advertiu decontado sobre a súa intención de litigar e, no caso de fracasar, investir no estranxeiro. Tamén no ámbito político en Galicia, onde presidente da Xunta cargou con dureza contra a nova postura estatal, chegando a asegurar que o traslado da factoría a outro punto próximo a Pontevedra sempre foi inviable. Tamén cando foi el quen o prometeu.

Este é o pano de fondo ante o que os populares propiciarán, a dous días do inicio da campaña das eleccións xerais, un pronunciamento formal do Parlamento de Galicia contra o movemento da Avogacía do Estado e a prol da permanencia de ENCE na ría. A través dunha proposición non de lei -figura para adoptar resolucións políticas non vinculantes- de urxencia promoverán que o pleno do lexislativo galego faga oficial o seu "rexeitamento ao cambio de criterio da Avogacía do Estado", evitando así seguirse opoñendo aos recursos contra a prórroga.

Referencias ao traslado de ENCE nos programas do PP en 2009 (esquerda) e 2012 CC-BY-SA Praza Pública

A declaración política promovida polo PP pola vía de urxencia non terá efecto práctico ningún, pero axitará a axenda política ás portas do inicio da campaña electoral 

Fano, di a propia iniciativa, coa intención de que o Goberno de España, agora inmerso en pleno período preelectoral, asuma "un compromiso expreso" cos "postos de traballo directos e indirectos ameazados" por un eventual peche de ENCE, os cales o PP cifra en 5.000, como xa fixera Feijóo. A Avogacía do Estado, resalta, debe "rectificar a decisión" de abandonar o proceso porque "supón un acto de inxerencia política nunha decisión administrativa que seguiu un expediente regrado".

Ao tempo, a proposta que o PP inserirá na axenda política ás portas do 28A reclama que o Goberno de España se axuste aos "principios de lealdade institucional, cooperación e coordinación" coa Xunta, "comunicando e consensuando co Goberno galego as decisións que afecten á nosa comunidade autónoma", subliña. A reforma da lei de costas do ano 2012, aprobada polo Goberno de Rajoy, reduciu precisamente a marxe de manobra nas comunidades autónomas en decisións como a prórroga de ENCE.

A maioría absoluta dos populares permitirá que saquen adiante, con independencia da posición do resto de grupos, unha iniciativa que conclúe cunha manifestación de "apoio a todos os traballadores da empresa ENCE que desenvolven o seu traballo" na factoría de Lourizán e "a todos aqueles que (...) dependen na súa actividade laboral da permanencia da empresa". A propia formación conservadora manifestou nos últimos días a súa adhesión ás protestas de representantes do persoal de ENCE ante institucións públicas como a Deputación de Pontevedra. A través do sindicato CC.OO. esta representación dos traballadores xa anunciou novas mobilizacións contra o PSOE por consideralo "único responsable" dun eventual peche.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.