O programa sanitario do BNG para o 18F contempla ampliar as consultas de saúde bucodental na atención primaria

Ana Pontón en Moaña coa alcaldesa e a deputada Montse Prado diante do centro de saúde CC-BY-SA BNG

A candidata do BNG promete que o Sergas realizará limpezas, empastes, cambio de pezas ou de dentadura antes de que remate a lexislatura

"Unha das medidas que tomarei como presidenta será ampliar o programa de saúde bucodental de maneira que todas as persoas ao final da lexislatura poidan ir ao seu centro de saúde para poder facerse unha limpeza, un cambio de pezas ou de dentadura, un empaste ou todo o que ten que ver coa prevención neste ámbito", asegura Ana Pontón

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta manifestou este martes en Moaña que ampliará os servizos da atención primaria para que nos centros de saúde tamén se coide da boa saúde bucodental de galegas e galegos. Unha "barreira moi importante" –dixo– para moitas persoas "que non poden pagarse" as revisións nunha consulta privada. 

CC-BY-SA BNG

"Queremos que esa barreira desapareza e que todas as persoas teñan acceso á mesma saúde bucodental, con independencia de cales sexan os seus recursos", salientou Pontón nun encontro con representantes da Plataforma en defensa da sanidade pública de Moaña, que se concentran dende hai 113 semanas no seu centro de saúde para reclamar que se restitúa o servizo de urxencias neste concello. 

Pontón defende que o Bloque traballará para "avanzar cara ao que debería ser normal" no sistema sanitario galego, que é "que as persoas sexan atendidas na primaria sen lista de espera"

Pontón, que estivo acompañada pola alcadesa de Moaña, Leticia Santos, e mais da deputada e portavoz de Sanidade do BNG Montse Prado, defendeu que o Bloque traballará para "avanzar cara ao que debería ser normal" no sistema sanitario galego, que é "que as persoas sexan atendidas na primaria sen lista de espera". "A atención directa e inmediata é fundamental para a saúde das persoas", subliñou. 

Fronte a unhas políticas que considera que o único que fan é "xogar coa vida das persoas", a candidata nacionalista apostou por "reforzar e recuperar" o sistema sanitario público e incidiu no seu compromiso de aprobar nos primeiros días no goberno un Plan de rescate da atención primaria dotado de 200 millóns de euros para superar a "situación crítica" actual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.