O PSdeG acelera os cambios: primarias o 7 de abril e o 27, congreso para renovar a dirección

Valentín González Formoso intervén no Comité Nacional do PSdeG en Santiago CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG convocou para o vindeiro 7 de abril as súas primarias á secretaría xeral do partido e para o día 27 o congreso extraordinario do que sairá ratificada a súa nova cúpula, tal e como avanzou este sábado o aínda líder da formación, Valentín González Formoso. 

Asegurouno o tamén presidente da Deputación da Coruña durante a súa intervención no Comité Nacional que o PSdeG celebra na Cidade da Cultura tras os malos resultados electorais do 18F, os peores da historia autonómica no socialismo galego. 

A formación decidiu actuar con rapidez e dar así o primeiro paso para renovar a súa organización, coa intención maioritaria de poñer o liderado do partido en mans do que foi o seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, que vén de anunciar a súa renuncia ao Congreso para centrarse no seu labor de oposición ao PP en Galicia. 

Besteiro intervén no Comité Nacional do PSdeG en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Formoso chama a "reflexionar profundamente" tras o 18F polos "erros da campaña e os dos últimos anos"

"Non sería coherente pedir que o próximo proxecto político dispoña de tempo suficiente e non facilitar que se poña en marcha canto antes", dixo Formoso, tras anunciar ese congreso extraordinario para elixir unha nova dirección "con primarias previas o día 7", dentro de pouco máis dun mes. 

"Aquí non hai dedazos nin sucesións impostas nin baróns que decidan os apoios. A diferenza doutras formacións, a militancia socialista decide libremente quen quere que sexa o futuro do seu partido", asegurou Formoso, que cre, logo de dous anos na secretaría xeral, que é "o momento de dar outra vez voz á militancia para que decida o rumbo socialista". É, coida, "un exercicio de responsabilidade e deber democrático". 

O secretario xeral do PSdeG pide afondar "no proxecto de país e no perfil galeguista" do partido

A decisión chega logo do trompazo electoral nas autonómicas, uns resultados que Formoso cualificou de "malos" e que obrigan a "reflexionar profundamente" tanto sobre "os erros da campaña como dos últimos anos", tendo en conta que, na súa opinión, algunhas das causas que levaron aos socialistas a obter estes resultados "veñen de lonxe".

No seu discurso, Formoso insistiu na necesidade de non evadir responsabilidades e admitir os "fallos e os erros" que puido ter a executiva, considerou que o vivido debe servir como punto de partida. Ademais, tras chamara "levantar a cabeza" e a "sacar o mellor de si", reflexionou sobre o feito de que o partido tivese cinco candidatos en 15 anos. "Debemos tomar nota de que o electorado galego é moi maduro, sabe perfectamente o que vota e debemos profundar no proxecto de país e no perfil galeguista", sinalou.

Tamén chamou a culminar o proceso que aberto agora cun “proxecto estable que perdure no tempo” e que permita frear a caída de representatividade escollendo “ao mellor e á mellor”. Reiterou o seu apoio a Besteiro, reclamou estabilidade e pediu “unidade como valor fundamental” no partido. 

Valentín González Formoso intervén no Comité Nacional do PSdeG en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Nese intento, o PSdeG aspira con Besteiro á ollada a medio prazo que logrou o BNG con Ana Pontón, que chegaba á portavocía nacional do Bloque hai oito anos, nun dos peores momentos da fronte nacionalista, que vén de acadar o seu mellor resultado nunhas autonómicas. 

Formoso reitera o apoio a Besteiro e pide un "proxecto estable que perdure no tempo"

Ademais, e respecto aos comicios,  Formoso advertiu da "situación difícil” de partida, cun candidato sen apenas tempo para presentarse fronte a unha candidata do BNG con 20 anos de presenza no Parlamento e que era a terceira vez que se presentaba. Do outro lado, o candidato do PP comparecía logo de 2 anos como presidente da Xunta e logo de 15 anos como membro destacado do goberno, explicou. 

Para Formoso, o adianto electoral buscaba unha campaña “o máis curta e plana posible, evitando afianzar o proxecto de Besteiro”, e a partir de aí produciuse un proceso de "polarización electoral". "Un escenario que buscaba o BNG para presentarse como forza hexemónica da esquerda, e un PP que quixo mobilizar ao electorado sobre a idea de frear un proxecto soberanista que non comparte a maioría social de Galicia", explica o PSdeG. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.