O PSdeG lamenta que "cando en Galicia arden 1.500 hectáreas" Feijóo se limite a "dicir que é culpa dos pirómanos"

Gonzalo Caballero, o alcalde de Ribas de Sil e outros cargos do PSdeG, visitando a zona afectada polo incendio forestal, este 8 de setembro CC-BY-NC-SA PSdeG

Os incendios forestais e o seu combate teñen unha derivada política dende o comezo da autonomía. Foron un elemento clave, por exemplo, na crítica aos gobernos de Albor e Fraga, mais tamén peza esencial da oposición da dereita ao Executivo tripartito que presidía o socialista Fernando González Laxe (1987-89) ou parte das críticas máis duras do PP de Alberto Núñez Feijóo á Xunta da coalición de PSdeG e BNG, con Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana á fronte (2005-09).

A práctica totalidade destes gobernos centraron a súa resposta política a estas críticas no feito de que boa parte dos incendios forestais son intencionados. En ocasións, aludindo a etéreas tramas incendiarias que ningunha investigación ao respecto deu demostrado.

Con este pano de fondo, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitaba este mércores Ribas de Sil para coñecer de primeira man as zonas afectadas polo incendio no que xa arderon unhas 1.500 hectáreas no corazón da Ribeira Sacra. Alí, xunto ao alcalde socialsta Miguel Ángel Sotuela, lamentou que "cando en Galicia arden 1.500 hectáreas, o único que diga Feijóo é que a culpa é dos pirómanos".

Traballos de extinción no incendio de Ribas de Sil, este 7 de setembro © Delegación do Goberno en Galicia

O dirixente socialista ve "evidente" que, alén de "reforzar os sistemas contra incendios", cómpre "unha nova política forestal, de prevención do lume" mais tamén "de coidado do rural". Isto é, resume, "o que non fai o PP". Do contrario, lamenta, a "principal política contra o lume" seguirá a ser "a chuvia".

Gonzalo Caballero reclama en Ribas de Sil un "gran acordo polo rural e contra o lume" que abranga dende a potenciación das especies forestais autóctonas ata "contratos estables" para o persoal de prevención e loita contra os incendios

Censura Caballero que "cada ano que pasa, seguimos dicindo que hai que mellorar as cousas, pero todo segue igual" e "non pode ser que a Xunta bote as responsabilidades nos concellos da Galicia rural". Neste sentido, o socialista insta a tecer un "gran acordo polo rural e contra o lume" que inclúa medidas vinculadas a preservar o monte con "especies axeitadas e os cortalumes necesarios", apostando polas "especies que arden con máis dificultade".

Mais tamén, agrega, cómpre "unha nova política laboral que evite a temporalidade" dos bombeiros forestais". Se este persoal gozase de "contratos estables", di, podería "coidar o monte todo o ano" e tamén afrontar as lapas cando se producen. "Non hai mellor forma de evitar os incendios que un novo modelo forestal" e non limitarse a "dicir que a culpa é dos pirómanos", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.