Dende que, a pasada semana, o xornal ABC puxo o foco na denuncia pública do Colectivo de Víctimas del Terrorismo en el País Vasco na que Covite censura que "44 persoas que integran as listas de EH Bildu" en diversos concellos para o 28M "estiveron condenadas no pasado por pertenza" ou "colaboración con ETA", o PP fixo da cuestión elemento central do seu argumentario preelectoral -sete deles, os implicados no seu día en asasinatos, anunciaron este martes que non tomarán posesión das actas se saen elixidos-. Pero non só en Euskadi ou Navarra, onde concorre esta formación, senón tamén a nivel estatal con Alberto Núñez Feijóo á fronte e tamén en Galicia, por boca de múltiples dirixentes encabezados polo presidente, Alfonso Rueda.
Lage (PSdeG) coida que o PP "fala de ETA" en Galicia porque "non están nos problemas da cidadanía" como a vivenda ou os servizos sociais, que se dirimen nestes comicios
Nesta liña, os conservadores cargan por esta cuestión contra o BNG e tamén contra o PSdeG, cuxa dirección galega lamenta que "o mellor que teña que ofrecer o presidente da Xunta e do PP" ao electorado galego ante o 28M sexa "falar de ETA". Durante unha visita a Teo xunto á candidata socialista á alcaldía, Uxía Lemus, o secretario de organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage, coida que esta é a mellor proba de que os populares, con Rueda á fronte, "non están nos problemas da cidadanía" que, di, son os que se dirimen nestes comicios.
"O máis relevante que ten que achegar Rueda é falar de ETA" e así, sinala Lage, mantense "ausente do debate" en ámbitos como a vivenda pública, no que "conselleiros e conselleiras actúan como tertulianos". O msmo "desleixo", di, é o que manifestan "na economía, nos servizos sociais, nos coidados, as axudas ás familias ou os espazos de convivencia onde desenvolver a nosa vida". Neste último ámbito encadra a proposta do PSdeG en Teo para converter a antiga Nave de Cepillos de Teo (Cacheiras), propiedade da Sareb, nun centro sociocultural e de servizos á mocidade.
Besteiro suxire en Muxía que o PP ten "vergoña polos seus candidatos"
Besteiro ironiza con que Rueda estea "preocupado por se nestas eleccións se elixe a Pedro Sánchez" e lamenta que amose "pouca confianza" nas candidaturas populares, pero tamén "na intelixencia da cidadanía"
Nun sentido semellante manifestábase tamén este luns o delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que alén do seu labor institucional está a desenvolver unha intensa axenda de campaña en múltiples concellos. No marco dunha visita a Muxía para apoiar o candidato socialista á reelección, Iago Toba, Besteiro considerou que cabe preguntarse se a cuestión é que o PP galego se avergoña das súas candidaturas ás municipais e por iso procura levar o debate ao ámbito estatal.
Despois de que Rueda, subliña Besteiro, dixese que está "preocupado por se nestas eleccións se elixe a Pedro Sánchez ou non" e formule o 28M como un "plebiscito ao respecto", coida que é lamentable a "vergoña que sente o PP polos seus candidatos", pero tamén a "pouca confianza na intelixencia da cidadanía". "Os veciños saben o que queren votar o 28M" porque "queren saber se van ter servizos próximos, asistencia á dependencia, boas infraestruturas, se van ter luz" ou "se vai chegar ben a auga á casa".
Neste sentido, o socialista sinala que o PP debera mudar a actitude e, no caso concreto da Costa da Morte, "antes de vir pedir os votos, veñan pedir perdón" polo "abandono no que deixaron a comarca en infraestruturas e servizos". Así, por exemplo, lembra que a Xunta "aínda ten pendente" o treito da autovía da Costa da Morte que o propio Goberno do PP "lle perdoou á empresa adxudicataria no ano 2013". Fronte á "falla de xestión" do PP, conclúe, "os socialistas traballamos por solucionar os problemas".