O PSdeG pide unha comisión de investigación polo "desvío" de 159 millóns dos fondos COVID

Luís Álvarez, voceiro do grupo do PSdeG, en rolda de prensa CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG rexistrou este luns unha proposición non de lei para reclamar unha comisión de investigación ante o "desvío" por parte da Xunta de 159 millóns de euros procedentes dos fondos para facer fronte á pandemia da COVID a "fins descoñecidos".

Tal e como denunciara José Manuel Lage, secretario de organización do PSdeG o pasado sábado, Álvarez recriminou que "Núñez Feijóo nos seus últimos meses na presidencia da Xunta, xunto co señor Rueda e segundo o último informe do Consello de Contas, desviaron máis de 159 millóns de euros a outros fins absolutamente descoñecidos" e diferentes aos que marcaban estes fondos COVID. 

Na denuncia, o PSdeG, facendo referencia ao informe de Contas, advirte de que o Goberno central enviou en 2020 un total de 418 millóns de euros en tres tramos para o reforzo da sanidade dos que o Goberno galego detraeu 159 para destinalos a eses fins descoñecidos.

O PSdeG rexistrou unha proposición non de lei para reclamar unha comisión de investigación ante o "desvío" de 159 millóns a "fins descoñecidos"

"Só executou 259, mentres todos os días o señor Núñez Feijóo e o señor Rueda queixábanse de non recibir fondos suficientes para facer fronte a esa situación", censurou Álvarez. 

Lage Tuñas, xa o sábado, preguntábase se “é razoable que en plena pandemia, nunha situación de angustia e mentres pedíamos o reforzo da sanidade pública, o goberno galego desviase 4 de cada 6 euros enviados polo Estado para a loita contra a COVID”. E emprazou a Xunta a dar conta destes datos “demoledores” revelados polo Consello de Contas que, como mínimo, dicía, “indican que non hai fiscalización nin control de boa parte dos gastos do Sergas”.

“Rueda xa está tardando en explicar o que pasou con estes fondos”, di Lage, que instou o presidente da Xunta a dar conta do “marrón” que lle deixou Alberto Núñez Feijóo.

Puy (PPdeG) acusa o PSdeG de "intentar facer ruído" e de "confundir" o criterio de reparto coa finalidade duns fondos "incondicionados"

Desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, respondeu ao PSdeG acusándoo de "intentar facer ruído" pedindo unha investigación sobre os fondos e asegurou que a Xunta "gastou todo" o que recibiu para loitar contra a pandemia. 

Para Puy, os socialistas "confunden" o criterio de reparto coa finalidade duns fondos que eran "incondicionados". "A Xunta gastou en sanidade máis do que suporía esa aplicación condicionada dun fondo que era incondicionado", dixo, cifrando en 424,5 millóns a contía destinada, fronte aos 418 de fondos COVID. 

O portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, durante unha rolda de prensa © PP

"O PSdeG formula isto porque non ten capacidade de pedir unha comisión de investigación [carece do mínimo de escanos esixidos no Regulamento para pedila].Están intentando facer ruído posiblemente para tratar de tapar outras cousas", dixo. "Están confundindo os cre

O informe de Contas sobre a aplicación do coñecido como fondo COVID do Estado e a súa suficiencia foi entregado o pasado 29 de xullo ao Parlamento. O propósito era avaliar se os cartos remitidos polo Estado para afrontar a pandemia, 735 millóns de euros naquel ano, foran ou non dabondo para a Xunta. A resposta foi que si cunha única excepción, o ensino. 

Todo logo que, durante os primeiros momentos da pandemia, a denuncia dunha suposta aldraxe do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos cara a Galicia e o seu Executivo fora unha constante nas múltiples intervencións do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. O actual líder estatal do PP aseguraba que a Xunta era discriminada de múltiples formas, dende o reparto de material sanitario á distribución de fondos extraordinarios para afrontar os gastos por mor do virus, cuxos criterios atribuía a intencións partidarias.

É nese informe, segundo denuncia o PSdeG, onde se indica que a pesar de recibir 418 millóns de euros nos tramos sanitarios do Fondo COVID, Galicia dedicou á sanidade, en 2020 e en plena pandemia, 259 millóns de euros. 

"De cada dez euros recibidos pola Xunta de Galicia nos tramos sanitarios, deixou sen dedicar á sanidade catro en plena pandemia. Noutras palabras, dedicou a sanidade o 62% dos recursos do Fondo COVID recibidos para os tramos sanitarios", explican os socialistas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.