O PSdeG reclama máis residencias públicas tras a demora das 7 prometidas en 2017 e Rueda atribúese as privadas

Residencia de maiores de Castro Ribeiras do Lea, unha das de maior tamaño da Xunta, xestionada ata agora por DomusVi © Google

O presidente critica aos socialistas o uso da expresión “os nosos maiores”, que atribúe a un intento de apropiación do colectivo con fins electorais, e o portavoz do PSdeG lémbralle que tamén a usa a conselleira

En 2017 o presidente Feijóo prometeu a construción de sete novas residencias públicas de maiores, unha en cada cidade galega. Seis anos despois non hai ningunha feita e serán finalmente cartos de Amancio Ortega os que as levanten para cederllas á Xunta, que pode á súa vez subcontratar a súa xestión con empresas privadas. Porén, preguntado por esa cuestión polo PSdeG no Parlamento, o presidente Rueda gabouse do aumento do número de prazas en xeral en toda Galicia na última década, fundamentalmente grazas a residencias privadas.

Rueda dirixíndose ao portavoz do PSdeG durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Na súa intervención o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, criticou a falta de atención da Xunta cara ás persoas maiores, e lamentou tanto a burocracia na tramitación da dependencia como a demora na construción das sete residencias públicas de maiores prometidas por Feijóo. “Non estamos a falar da construción de El Escorial, falamos de residencias”, dixo. 

Na súa resposta Rueda obviou as sete residencias públicas prometidas e salientou o aumento do total de prazas en residencias rexistrado desde que goberna o PP, pasando de 15.000 en 2009 a algo máis de 22.000 na actualidade. Porén, boa parte dese aumento débese a prazas en residencias privadas, que en parte Rueda considera públicas polo feito de que son concertadas con cartos públicos, o que lle sae máis caro. Por outra banda, Álvarez lembroulle que parte do aumento de prazas totais da última década débese ao esforzo de concellos, non da Xunta.

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, na sesión de control deste mércores CC-BY-SA PSdeG

No debate deste mércores Rueda chegou a criticar a Álvarez que falase en xeral de “os nosos maiores” e considerou que esa expresión supuña un intento de apropiación do colectivo por parte do PSdeG con fins electorais. A resposta do socialista foi que tamén a conselleira de Política Social, Fabiola García, emprega a expresión “os nosos maiores”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.