O presidente rexeita condenar posturas extremas "a pesar de celebrar moito que Vox non teña presenza en Galicia"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta por unha entrevista co diario El Mundo na que di descoñecer se a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, é de ultradereita pero na que amosa o seu convencemento de que hai cousas que está facendo ben. A pregunta que se lle formulou na súa comparecencia foi sobre "cales" medidas de Meloni son as que lle gustan, ao que Rueda respondeu poñendo o foco na inmigración.
"O que me gusta é que ten unha política migratoria, outra cousa é que as medidas concretas me gusten máis ou menos ou pense que non son de aplicación en España", foi a resposta de Rueda. O presidente dixo que Italia "tiña un problema de inmigración importante e abordou desde o goberno da nación unha política de migración".
Fronte a iso, o titular da Xunta contrapuxo, en liña co discurso que vén mantendo o líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, o que ao seu ver é a inacción do Goberno de España. "Se o Goberno [de España] tivera un plan de migración e o discutira coas comunidades, benvido sexa", engadiu Rueda.
O presidente galego tamén rexeitou que "outros partidos" xustifiquen posturas extremas dunha parte do arco político pero non o fagan co outro extremo. "Niso nunca me atoparán de acordo a pesar de celebrar moito que Vox non teña presenza en Galicia", concluíu.