Sanidade saca a concurso parte dos abortos sen risco ata as 14 semanas co argumento de que a obxección de conciencia do seu persoal impídelle garantir os prazos de atención necesarios
A Consellería de Sanidade sacou a concurso este martes a contratación dun servizo de interrupción voluntaria dos embarazos de menos de 14 semanas de xestación e que non impliquen risco para a embarazada. O contrato, por tres anos prorrogable ata cinco, estima que cubrirá unhas 800 interrupcións ao ano cun custo estimado duns 460.000 euros. Segundo as estatísticas oficiais da Xunta, en 2022 houbo en Galicia preto de 3.000 interrupcións voluntarias totais, sen contar as terapéuticas.
O propio Sergas xustifica a subcontratación na súa "falta de recursos, tanto materiais como humanos", e neste último eido apunta ao "dereito de exercer a obxección de conciencia" do seu persoal "sen que o acceso e a calidade asistencial da prestación poidan resultar menoscabadas".
Segundo sinala o Sergas nos pregos de condicións do concurso, ata agora subcontratábanse servizos de interrupción do embarazo de xeito puntual mediante "autorizacións de uso baseadas na urxencia vital e excepcional destas situacións". O pasado febreiro, nunha comparecencia no Parlamento, o conselleiro de Sanidade, Julio García comesaña, salientaba que en 2022 o 60% das interrupcións voluntarias practicáronse en centros públicos e o 40% foron "derivadas aos dous centros privados con autorización autonómica que existen en Galicia".
O conselleiro gabouse tamén de que "Galicia practica interrupcións voluntarias do embarazo en centros públicos nas sete áreas sanitarias". Agora o Sergas argumenta que "ante o incremento e continuidade desta prestación asistencial así como a falta de recursos, tanto materiais como humanos suficientes que lle permitan realizar a dita prestación a todas aquelas mulleres que o necesitan, é necesaria esta contratación para garantir a realización en prazo deste servizo" en "todas as áreas sanitarias".
O contrato pode estenderse ata cinco anos por 2,56 millóns de euros e prevé un beneficio empresarial do 5%
O contrato agora convocado para prestar este servizo en todas as áreas sanitarias galegas terá unha duración inicial de tres anos cun custo estimado de 1,73 millóns de euros, que cunha posible prórroga doutros dous anos e as posibles modificacións contempladas de ata o 20% no prezo pode ascender a 2,56 millóns de euros.
Segundo o desglose do Sergas, a tarifa máxima dunha interrupción farmacolóxica debe ser de 350 euros e a dunha con medios instrumentais de 570 euros, cifras que se obtiveron tras analizar os prezos "do conxunto do Estado" e tendo en conta un beneficio do 5% para as empresas que resulten adxudicatarias.
O concurso estrutúrase en dous lotes, un para as áreas sanitarias do norte (A Coruña e Cee; Ferrol; Santiago e Barbanza; e Lugo, Monforte e A Mariña) e outro para as do sur (Ourense, Verín e O Barco; Vigo; e Pontevedra e O Salnés). Porén, non se calcula a mesma relación de interrupcións voluntarias para todas as áreas, de xeito que fonte ás 343 estimadas para A Coruña ou as 120 para Lugo na de Vigo calcúlanse só 9.
Praza.gal preguntou á Consellería de Sanidade no mediodía deste martes, menos dunha hora despois de que se publicase a licitación na plataforma de contratos da Xunta, entre outras cuestións por esa disparidade de estimacións entre áreas sanitarias, pero no momento de publicación desta información a primeira hora da mañá deste mércores aínda non houbo resposta, demora que o Goberno galego xustifica por ser agosto.
Este diario tamén pediu a Sanidade que confirmase se os centros que se contraten só van asumir as interrupcións do embarazo que non sexa quen de realizar o Sergas. Tamén se preguntou, entre outras cuestións, por que o sistema público non se dota de máis medios en lugar de subcontratar o servizo, como vai ser o control público sobre os requisitos legais de cada caso de interrupción, ou canto custaba ata agora cada intervención co anterior sistema de autorizacións puntuais de uso.
[Esta é a resposta obtida un día despois ás preguntas de Praza.gal]