A Xunta reduce a un cambio na "fórmula de contratación" o concurso agora convocado para subcontratar 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano por 460.000 euros
"Este tipo de interrupcións voluntarias do embarazo xa se facía en clínicas autorizadas, non é novo, simplemente cambia a fórmula de contratación. Non son interrupcións voluntarias complexas, de tal xeito que se aproveitan os nosos quirófanos para outras patoloxías". Esta é outra das explicacións que a Consellería de Sanidade vén de engadir este mércores á súa decisión, avanzada por Praza.gal, de subcontratar 800 abortos voluntarios ao ano por 460.000 euros.
Un concurso público en cuxa documentación oficial xa se apuntaba como xustificación da externalización a "falta de recursos, tanto materiais como humanos", pero poñendo o foco nos segundos polo seu "dereito a exercer a obxección de conciencia". Porén, agora o Sergas incide tamén en cuestións materiais ao facer referencia ao aproveitamento dos quirófanos públicos.
Antes de revelar este mércores a decisión de Sanidade de convocar un concurso para subcontratar 800 abortos ao ano, parte dos preto de 3.000 voluntarios que houbo en 2022, Praza.gal formulou o martes varias preguntas ao respecto á consellería que foron contestadas un día despois. Nas súas respostas Sanidade asegura que as empresas que resulten adxudicatarias só realizarán aquelas interrupcións voluntarias do embarazo que sexan derivadas desde o Sergas, que será quen supervise previamente que cada caso cumpre coas condicións legais e remitirá ao centro privado "a documentación acreditativa correspondente".
As derivacións á privada poderán realizarse "desde calquera área sanitaria", pero no caso da de Vigo o Sergas di que se realizan na sanidade pública "a práctica totalidade das interrupcións"
Esas derivacións a centros privados poderán realizarse "desde calquera área sanitaria", aínda que no caso da de Vigo o Sergas di que se realizan na sanidade pública "a práctica totalidade das interrupcións". Os abortos que non se deriven a través do novo contrato, a gran maioría, tanto "de menos de 14 semanas como de máis", seguirán a realizarse en centros públicos "como xa se está a facer actualmente", incide o Sergas.
A Xunta salienta que "este tipo de interrupcións voluntarias do embarazo xa se facía en clínicas autorizadas, non é novo, simplemente cambia a fórmula de contratación".
Isto é, tras anos de críticas do Consello de Contas polo abuso da figura das autorizacións de uso, coa que ata agora o Sergas encargaba abortos a clínicas privadas en función da "urxencia vital e excepcional destas situacións", agora a Xunta regulariza esa situación cun contrato plurianual no que asegura que se manteñen as mesmas tarifas por caso, cun 5% de beneficio empresarial.
Nas súas respostas a Xunta non contesta directamente á pregunta que lle formulou Praza.gal sobre por que o Sergas non se dota de máis medios en lugar de contratar o servizo. Segundo a Consellería de Sanidade, este tipo de abortos "non son complexos, de tal xeito que se aproveitan os nosos quirófanos para outras patoloxías". "As clínicas autorizadas están precisamente autorizadas porque cumpren todos os requisitos e as máximas garantías para a muller, engade Sanidade, que conclúe asegurando que "toda muller que queira interromper o embarazo, en todos os supostos que contempla a lei, pode facelo na nosa comunidade".