O Sergas incumpre amplamente os seus propios obxectivos de espera cirúrxica e por consultas

Obxectivos e indicadores reais de espera cirúrxica no Sergas, xunto a unha imaxe dunha operación no hospital público de Ourense CC-BY-SA Montaxe e gráficos: Praza.gal | Foto: Sergas

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, culpou este martes do notable aumento das esperas por operacións ou consultas ás sucesivas xornadas de folga dos médicos contra o Ministerio de Sanidade polo novo estatuto marco da profesión que está a impulsar a nivel estatal. Esas folgas xa comezaran dous meses antes cando o pasado 4 de febreiro o propio Caamaño presidiu a sinatura dos obxectivos que o Sergas se fixou a si mesmo para este ano. Uns obxectivos que apenas melloraban a situación previa, nalgúns casos mesmo empeorándoa, e que agora veñen de ser incumpridos amplamente.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cos responsables das sete áreas sanitarias na sinatura o 4 de febreiro dos seus obxectivos para este ano, cando xa comezaran as folgas contra o ministerio dous meses antes CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sanidade fixou os seus obxectivos para este ano o 4 de febreiro, dous meses despois de que comezasen as folgas contra o Ministerio de Sanidade ás que agora culpa do aumento da demora

Desde 2022 o Sergas asina coas súas áreas sanitarias -isto é, consigo mesmo- uns obxectivos de mellora da atención a acadar durante cada ano denominados Acordos de Xestión. Eses compromisos inclúen, entre outras cuestións, obxectivos de tempos medios de espera por cirurxías ou consultas externas. Uns obxectivos que o Sergas se fixa a si mesmo. Os deste ano foron asinados o 4 de febreiro, nun acto presidido polo propio conselleiro que se celebrou dous meses despois de que o 9 de decembro comezasen as folgas convocadas contra o Ministerio de Sanidade. Naquela primeira xornada a consellería cifrou o seguimento do paro no 23% na quenda de mañá e no 3,7% na de tarde na atención hospitalaria, cifras similares ás que seguiría ofrecendo en sucesivas xornadas.

Aqueles obxectivos asinados cando Sanidade xa era consciente da folga inclúen tanto obxectivos para o remate do ano como, no caso das cirurxías e consultas, tamén para o primeiro semestre, os datos agora feitos públicos polo Sergas. Boa parte dos obxectivos fixados de inicio apenas reducían e mesmo aumentaban os tempos medios de espera a acadar tanto no primeiro como no segundo semestre do ano. E agora os resultados reais empeoran aínda máis a respecto deses obxectivos. 

Cirurxías

En Santiago o Sergas aspiraba a reducir de 85 a 77 a espera media por unha operación e o resultado foi un aumento a 116 días

No caso das cirurxías, só para a área de Santiago-Barbanza se fixaba un obxectivo significativamente menor de espera, aspirando a pasar dos 85,7 días do primeiro semestre do pasado ano a 77 días no primeiro semestre deste ano. Porén, a cifra real desvelada este mércores dispárase a 116,1 días. 

No resto de áreas, en Lugo-A Mariña-Monforte mesmo se fixaba un obxectivo superior, pasar de 53,9 días a 54, e a realidade acadada foron 79,7 días. En Ourense-Verín-O Barco o obxectivo era manterse nos mesmos 61,5 días que hai un ano e, malia ser a área sanitaria que menos medra, tamén se incumpre con 68,9 días.

Na Coruña-Cee, Ferrol, Pontevedra-Salnés e Vigo, o obxectivo era mellorar en menos de dous días a espera media de hai un ano. E o resultado acadado é en todas elas un notable empeoramento, especialmente en Pontevedra.

Ademais, os acordos de xestión marcaban como obxectivo que a área da Coruña, a única que tiña 12 pacientes que agardaban máis dun ano para operarse, eliminase por completo esa demora. O que vén de suceder agora é que nesa área os pacientes agardando máis dun ano para operarse son 135, na área de Santiago 339 e na de Vigo 30. O resultado total é que 504 persoas levaban agardando máis dun ano para operarse na primeira metade deste ano.

Consultas externas

Nas consultas externas os acordos de xestión asinados polo Sergas consigo mesmo en febreiro prevían que nas áreas de Vigo e Santiago os tempos medios de espera fosen superiores no primeiro semestre deste ano a respecto do primeiro semestre do pasado ano. En Vigo aspirábase a unha media de 51 días de espera tras os 50,6 días do pasado ano, e o resultado acadado foron 67,5 días. En Santiago o obxectivo eran 38 días logo de acadarse hai un ano os 37,6 días e a cifra case que se duplica, con 61,1 días.

Só a área de Ourense rexistra unha melloría, en consultas externas: hai un ano rexistraba 66 días de demora, fixouse o obxectivo de reducilos a 60 e finalmente baixou a 52

En Ferrol o Sergas aspiraba a manter a mesma media de 52 días de espera que o pasado ano, e agora dispárase a 74,5 días.

No resto de áreas, a baixada máis ambiciosa asinada como obxectivo estaba en Lugo, onde se pretendía pasar de 80,7 días a 70 días, e a realidade é a peor de todas as áreas, con 111,8 días. 

Só en Ourense se rexistra unha melloría. Alí o Sergas aspiraba a baixar de 66,1 días a 60 e finalmente rebaixou a espera media por unha consulta a 52 días. 

A Coruña e Pontevedra, pola súa banda, tiñan obxectivos de baixada máis modestos, de menos de catro días, e nos dous casos o resultado foi un aumento de preto de dez días.

O Sergas vén dando por cumpridos a maioría dos seus obxectivos pero ocultando o xeito en que o calcula

Por outra banda, o Sergas vén dando por cumpridos a maioría dos indicadores dos seus acordos de xestión pero ocultando como obtén eses resultados. Nos primeiros, os de 2022, Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia para ter acceso á avaliación final do cumprimento dos mesmos. Tras distintos obstáculos a Xunta acabou facilitando unhas cifras globais de cumprimento, que calculaba no 83%, sen ningún documento que as respaldase e permitise comprobar a veracidade das mesmas. O Goberno galego nunca fixo públicos as avaliacións de cumprimento das varias ducias de indicadores previstos nos acordos que asina cada ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.