O "si" á coalición co PSOE logra un 97% de apoio entre as bases de Podemos

Aperta entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias tras asinaren o preacordo para gobernaren en coalición © Inma Mesa / PSOE

As dúas partes avalan a coalición por amplísima maioría. Poucos días despois de que a militancia do PSOE votase a prol do "si" ao goberno de coalición con Unidas Podemos cun nivel de apoio do 92% que no caso do PSdeG ascendeu ata o 94% e tras o voto afirmativo do 88% en Izquierda Unida, as bases da formación que encabeza Pablo Iglesias veñen de outorgar o seu aval ao acordado co partido que lidera Pedro Sánchez cun nivel mesmo un chisco superior, de case o 97%.

O apoio entre a militancia de Podemos ao Goberno de coalición pactado por Sánchez e Iglesias e mesmo un chisco superior ao acadado no seo do PSOE

No caso do conxunto da militancia de Podemos, o "si" a gobernar co PSOE obtivo 134.760 votos a prol e 4.244 en contra, segundo os resultados divulgados polo partido este mércores. Isto supón un apoio do 96,84% cunha participación de arredor do 58% do que a formación considera como persoas "inscritas activas", isto é, as que empregaron a súa conta na plataforma do partido como mínimo unha vez no último ano, e unha cuarta parte do total de persoas inscritas no seu censo, máis de medio millón.

Como entre a militancia de Podemos en todo o Estado, o "si" en Galicia en común tivo tamén un apoio moi maioritario. Foron 7.124 votos a prol fronte a 199 en contra. Para o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado pola Coruña, Antón Gómez-Reino, este resultado "deixa claro" que "as nosas bases apostan decididamente por un Goberno progresista no que En Común teña un papel decisivo, para que se poñan en marcha canto antes as políticas que reclaman as maiorías sociais deste país".

No que atinxe á participación de Galicia en Común nese goberno no caso de que triunfe a investidura de Pedro Sánchez no Congreso, segue a soar con forza a posibilidade de que Yolanda Díaz, outra volta deputada electa pola provincia de Pontevedra, poida ser a titular dun dos ministerios que xestione Unidas Podemos nese novo Executivo. Diversas fontes sinálana como eventual responsable da carteira de Traballo.

Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, tras presentaren as súas credenciais como membros electos do Congreso CC-BY-SA Galicia en Común

No caso de Galicia, a consulta celebrouse baixo o paraugas de Galicia en Común, a marca coa que Unidas Podemos concorreu aos últimos comicios xerais, e implicou tanto á militancia de Podemos como á de Esquerda Unida. Votou arredor do 55% da "militancia activa", que segundo fontes da organización rolda as 13.300 persoas na actualidade, unhas 12.400 de Podemos e as restantes, de EU.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.