En resposta a un recurso do colectivo denominado 'Hablamos español', o TSXG dá o seu visto e prace a preceptos como o "uso normal" da lingua galega nas actividades e documentos municipais e lembra que non implica prohibición ningunha sobre o castelán
O pasado 2021 A Coruña deixou de ser a única das principais cidades galegas sen ordenanza de uso do galego tras aprobala definitivamente cos votos a prol de toda a corporación agás do PP, que se abstivo. A norma inclúe preceptos como garantir o dereito da veciñanza a ser atendida pola institución municipal en lingua galega se así o desexa, entre outros aspectos xa contemplados de maneira xeral por normas como a lei de normalización lingüística, neste caso axustados ao caso concreto á cidade na que, segundo os datos máis recentes, hai máis poboación galegofalante en termos absolutos.
Pouco despois da súa aprobación, a ordenanza foi recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza por un colectivo denominado Hablamos Español, marca baixo a que vén operando a asociación chamada Galicia Bilingüe xunto con algunha outra organización semellante doutros puntos do Estado. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do alto tribunal galego vén de rexeitar ese recurso, avalando por completo a legalidade da ordenanza.
Tras comezar por advertir que, entre os seus argumentos, os recorrentes incluían informes municipais que se referían a versións preliminares da ordenanza e non ao seu texto definitivo, a sentenza dedica unhas sesenta páxinas a explicar, en síntese, que impulsar o uso do galego non implica prohibición ningunha sobre o uso do castelán na relación co Concello. Así, por exemplo, indica que "empregar e promover" a lingua galega na relación coa veciñanza e nas actividades ou documentos municipais "non nega" que cada persoa dispoña do seu "dereito de escolla" sobre que idioma usar ao dirixirse á Administración local.
Realizar un "uso normal do galego por parte do Concello" deriva "directamente de mandatos de carácter estatutario e legal" que "apuntan a esta solución como política de normalización lingüística dunha lingua historicamente sometida a un proceso sociolingüístico de diglosia", argumenta a Sala. "En ningún caso se impide o uso do castelán polo Concello a instancias do cidadán", acrecenta sobre unha norma que ademais "expresamente lembra o carácter cooficial da lingua castelá".
Nin o precepto de tramitar en galego os rogos e preguntas que reciba o Concello dos grupos municipais e da cidadanía (con independencia do idioma en que fosen redactadas), nin o emprego do adxectivo "prioritario" -ao que os recorrentes aludían por ser rexeitado pola Xustiza a respecto dunha norma lingüística catalá- para referirse á lingua propia de Galicia son considerados polo Tribunal Superior preceptos contrarios á legalidade. Tampouco o feito de que a ordenanza se refira á aposta por que os cargos do concello fagan un "uso normal" do galego nas súas intervencións, algo "perfectamente coherente co modelo constitucional de cooficialidade" e que non admite "de ningunha maneira" que implique vetos ao uso do castelán.
Nun sentido semellante, o TSXG avala que o goberno local coruñés estableza que determinados servizos públicos contratados con empresas externas teñan que desenvolverse "de xeito normal en galego, con previsión de dispoñibilidade lingüística en castelán" e ve "lícito" que "para acadar este resultado, os procesos de contratación inclúan cláusulas lingüísticas" que impliquen, por exemplo, que o persoal é quen de atender en galego á veciñanza que o desexa. Tamén evidencia a sentenza, finalmente, a legalidade de que a ordenanza estipule o uso das formas galegas oficiais para a toponimia.
Nun contexto no que tamén desbota que esta ordenanza sexa completamente equiparable á versión inicial da do Concello de Lugo, que tivo que ser modificada en trece artigos tras un recurso de Galicia Bilingüe -a nova versión definitiva foi aprobada neste 2022. Por estes e outros motivos, declara "a conformidade a dereito" da ordenanza. Contra a sentenza cabe recurso de casación.