O Tribunal Superior oponse ao traslado da Deputación de Ourense a un edificio xudicial mentres converte a súa sede en balneario

Sede da Audiencia Provincial de Ourense © Google

Dende o pasado ano, o presidente da Deputación de Ourense vén impulsando o seu proxecto de transformar a actual sede da institución, en pleno centro da capital ourensá, nun balneario. José Manuel Baltar recibiu dende o inicio o apoio do daquela vicepresidente da Xunta e actual presidente, Alfonso Rueda, para un proxecto que, segundo o barón ourensán, pode virar o edificio nun "balneario de referencia en Europa".

Durante os últimos meses, o gabinete de Baltar deu diversos pasos ao respecto. O máis recente produciuse este 30 de xuño, nunha xuntanza na que tamén participaron representantes da Xunta e do Concello e onde "se acordou iniciar os trámites para contratar a redacción do proxecto básico das futuras instalacións termais" por 251.000 euros, pero tamén sinalar posibles edificios onde trasladar os servizos da Deputación de xeito "provisorio".

Detalle da fachada da actual sede da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Segundo o feito público pola institución provincial, ese encontro sinalou "dúas posibles localizacións". Unha delas, "o antigo Pazo de Xustiza, na praza de Concepción Arenal". Outra, "a delegación de Sanidade da Xunta, na avenida de Zamora". Ambos, defende José Manuel Baltar, permitirían "que a actividade administrativa da Deputación funcione a un nivel óptimo". Quedou descartado, dixo, "o traslado da administración provincial ao vello cárcere" e a previsión é que a mudanza "podería realizarse ao longo do segundo semestre de 2023", isto é, despois das eleccións municipais.

A Sala de Goberno do TSXG cre que trasladar a Deputación ao edificio da Audiencia Provincial suporía "unha intromisión sobrevida en espazos destinados á actividade xudicial" e acorda por unanimidade opoñerse ao plan de Baltar porque inmobles coma estes deben "preservarse" para "visibilizar a separación de poderes"

Escasas horas despois dese anuncio, unha das opcións quedou freada. A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo pública a súa oposición "á posibilidade de que o persoal e servizos da Deputación sexan trasladados á sede do Pazo de Xustiza, sede da Audiencia Provincial". Segundo o Tribunal, foi o presidente da Audiencia ourensá, Antonio Piña, "quen deu conta" á Sala de Goberno de que a Deputación estaba a abordar esta idea, "da que se fan eco os medios de comunicación".

A Sala, abondan, acordou este mesmo venres dirixirse á Xunta para lembrarlle que, atendendo ao Regulamento dos Órganos de Goberno dos Tribunais que rexe dende hai dúas décadas, "as actividades alleas á función xudicial" en edificios coma este "non se poderán levar a cabo" se a Sala de Goberno correspondente non o aproba e, se é o caso, tería que negocialo coa Xunta. Pero "en todo caso", o mesmo órgano xudicial xa acordou "por unanimidade" que o seu criterio vai ser "desfavorable".

Reunión sobre a conversión da sede da Deputación de Ourense en balneario, este 30 de xuño presidida por Baltar © Deputación de Ourense

Non o van aceptar, abondan, aínda no caso de que se trate dun traslado temporal. "Suporía unha intromisión sobrevida doutras administracións públicas en espazos destinados á actividade xudicial", consideran. Neste sentido, do seu punto de vista inmobles coma estes deben "preservarse" para "visibilizar a separación de poderes" e "evitar confusións sobre as actividades e condicións do exercicio que corresponde a un poder do Estado" e os demais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.