A batalla política e legal polo cobramento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo remóntase a hai máis dunha década. A cando o goberno local vigués que encabeza Abel Caballero decidiu que o centro hospitalario non podería acollerse á norma municipal de 2006 -con Corina Porro (PP) na Alcaldía e o Executivo de PSdeG e BNG na Xunta- para eximir deste tribuno aos "centros sanitarios de titularidade do Sergas que se creen con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007". Para o goberno local, un centro erguido e operado en servizos non médicos coa fórmula público-privada non debía acollerse á exención.
O Supremo anulou a sentenza na que o TSXG condenaba a empresa a pagar ao Concello de Vigo sen que a Xunta a compensase por "vicio de parcialidade" do ex-líder de En Marea. Agora o alto tribunal galego vólvese pronunciar exactamente igual
Hai xa seis anos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou por primeira vez que a concesionaria do hospital vigués pagase o IBI. En 2022 volveuno facer nunha sentenza da súa sección terceira, composta por tres membros, na que o maxistrado relator foi Luís Villares, na que rexeitou a pretensión da empresa de que fose a Xunta a que asumise este custo. A compañía, apoiándose no pasado de Villares como líder de En Marea, recorreu ao Supremo e o alto tribunal estatal deulle a razón a principios deste ano advertindo "vicio de parcialidade" nunha sentenza que, admitía, era "correcta". O TSXG, agora sen Villares nesa sección tras ser afastado á forza dela, volve tomar idéntica decisión.
Nunha sentenza ditada o pasado 2 de xullo e agora feita pública a Sección Terceira "ratifícase, cun tribunal completamente diferente" -evidencia o servizo de comunicación do TSXG- no ditame "que ditou sobre o mesmo asunto" hai case catro anos. En síntese: "O pago do IBI do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo corresponde á concesionaria" e por iso volve anular a sentenza xun xulgado de Santiago que condenou a Xunta a asumir o custo (case un millón de euros polo pago do imposto ao Concello de Vigo en 2019).
O tribunal ve claro que o contrato do hospital non libraba a empresa de ter que pagar o IBI se, como sucedeu, o Concello decidía deixar de bonificarlle o 100% do pagamento
A documentación do contrato da concesión formalizado polo Goberno que presidía Alberto Núñez Feijóo, explica o tribunal, "non permitiría deducir racionalmente" que "no caso de que o Concello de Vigo eliminase a exención do IBI -como sucedeu-, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debía garantir a indemnidade do futuro concesionario". É dicir, a empresa non era inmune a "deixar de gozar do beneficio fiscal previamente existente".
"Ante a claridade dos termos do contrato en canto á obriga do concesionario de satisfacer os gastos que constitúen o pago dos impostos", continúa a sentenza, non hai posibilidade de "acudir a alambicadas interpretacións extraídas de documentos que carecen de natureza contractual" para que sexa a Xunta a que pague. Apóiase, asemade, en que unha sentenza do Supremo advertiu en 2023 segundo a cal "un cambio normativo na regulación dun imposto durante a execución" dun contrato non supón un "risco imprevisible" que obrigue a Administración a compensar a empresa.