O TSXG exime a Xunta de pagar 12,3 millóns a Audasa polas peaxes en sombra e insiste en que debe facelo o Estado

Obras de ampliación da Ponte de Rande © Civio

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) exime a Xunta de pagar a Audasa 12,3 millóns en compensación polas peaxes en sombra de determinados tramos da AP-9 correspondentes ás anualidades de 2020 e 2021. 

O TSXG exime a Xunta de pagar a Audasa 12,3 millóns en compensación polas peaxes en sombra de 2020 e 2021

Desta forma, o alto tribunal galego confirma a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela, que “só condena a Administración Xeral do Estado ao pagamento das cantidades debidas polas peaxes en sombra e, polo tanto, en ningún caso pode servir de título para que a apelante reclame pago ningún á Xunta de Galicia”. Os maxistrados salientan que no incidente de execución da devandita sentenza xa se insistiu en que "nin a fundamentación nin a parte dispositiva lexitiman a apelante para reclamar directamente á Xunta o pago de cantidade ningunha”. 

Feijóo, con Rajoy, De la Serna e outros cargos na inauguración da ampliación de Rande © Xunta

Con este ditame, o Superior reafirma outra sentenza, aquela na que o Estado fora condenado a pagar íntegros 15,6 millóns a Audasa pola rebaixa de peaxes ilegal do Goberno de Mariano Rajoy e non ao 50% coa Xunta

O Superior reafirma un ditame de 2022 no que rexeitou a solicitude do Estado para que a Xunta tamén pagase a indemnización a Audasa pola rebaixa de peaxes ilegal do Goberno de Rajoy

Como lembra o propio TSXG, este tribunal xa se pronunciara naquel ditame do 15 de xuño de 2022, no que rexeitou a solicitude do Ministerio de Transportes para que a Xunta lle abonase a indemnización que o Estado lle debía pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da ponte de Rande e o tramo da Barcala (A Coruña) durante os exercicios 2017, 2018 e 2019. 

“Debemos ratificar esa posición neste procedemento, en relación ás cantidades agora reclamadas pola apelante, porque a situación é idéntica á analizada en relación aos exercicios anteriores”, recalca a Sala, á vez que destaca que a apelante “carece de título xurídico que derive da sentenza 242/2020 do Tribunal Supremo para reclamar ningunha cantidade de diñeiro á Xunta”. 

O Ministerio baseara a súa solicitude nunha sentenza do Tribunal Supremo que a condenou a pagar á concesionaria da AP-9 as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pagamento foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra.

A gratuidade deses tramos provocara un notable incremento do número de usuarios da autoestrada, polo que en 2017 o Goberno central modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa. 

Imaxe da ponte de Rande distribuída por Audasa © M Riopa

No entanto, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o dereito da concesionaria a ser indemnizada polos prexuízos causados pola implantación do sistema de retribución do Real Decreto de 2017. En concreto, ordenou ao Estado pagarlle a diferenza entre o que tería percibido co sistema de retribución fixado en 2006 e o que percibiu de acordo ao Real Decreto de 2017. Esa cantidade, máis os intereses, fixada polo Estado en 15,6 millóns, é a que lle reclamaba á Xunta.

O Supremo obrigara ademais en 2021 ao Estado a pagar xa daquela esa débeda con independencia de que noutra causa xudicial se determinase se a Xunta tiña que asumir ou non a metade. 

A petición do Estado fora rexeitada polo TSXG ao entender que “non é procedente” condenar a Xunta a aboar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais que se devindiquen dos anos 2017, 2018 e 2019, e ata o final do prazo de concesión da AP-9. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.