O percorrido xudicial dos 57 contratos de transporte escolar que a Consellería de Educación adxudicou en 2021 tras anos de prórrogas ilegais dos anteriores segue a enlearse, agora cunha nova sentenza contraria aos intereses do grupo Monbus. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (Tacgal) anulou de xeito indebido a adxudicación inicial dun dos lotes a outra empresa, o que fixo que a Xunta o acabase entregando á seguinte competidora, Monbus.
O tribunal considera que se anulou a adxudicación dun lote a unha competidora de Monbus aplicando unha interpretación "formalista" dos prazos malia que a empresa "despregou unha actividade dilixente dende o primeiro momento"
Empresas do grupo Monbus levaron ou controlan boa parte dos 57 contratos de transporte escolar da Consellería de Educación, ata o punto de que unha vintena deles foron asinados polo propio Raúl López, propietario do grupo. Nos últimos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou cinco desas adxudicacións (lotes 40, 45, 46, 51 e 57) por entender que con elas a Xunta superara o límite dun máximo de oito que podía levar un mesmo grupo de empresas.
Pero a semana pasada, noutra sentenza de signo contrario, o mesmo tribunal considerou ao pronunciarse sobre outro deses contratos (lote 50) que non se podía considerar que Monbus superara o límite xa que había que descontar os lotes nos que ese grupo fora o único que presentar ofertas. Tanto unhas como outra sentenzas poden ser recorridas ante o Supremo, e así o foron xa a maioría delas.
Ademais desas seis sentenzas dispares relativas ao máximo de contratos que podía levar un mesmo grupo de empresas, o TSXG tamén emitiu outras dúas sentenzas que condenaron a Educación por non revisar se Monbus cumpría os requisitos esixidos antes de adxudicarlle dous contratos (lotes 54 e 55). Neses casos as sentenzas obrigaron a retrotraer o procedemento administrativo a ese punto de comprobación previo á adxudicación.
E agora o TSXG emite outra sentenza de contido distinto das anteriores, relativa a outro lote, o 53, na zona de Vigo. Neste caso a mesa de contratación concluíu que a mellor oferta fora a presentada por unha unión temporal de empresas denominada UTE Vigbus, que tamén levou o lote 52. Pero no caso do lote conflitivo, o 53, outra UTE controlada por Monbus, a UTE Escolar Zona Vigo, recorreu ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (Tacgal) por considerar que a primeira adxudicataria non cumprira cos prazos de presentación de documentación fixados no concurso. O Tacgal así o considerou e a Xunta adxudicou o contrato á seguinte empresa, a UTE controlada por Monbus.
A nova sentenza, como as xa emitidas con pronunciamentos dispares, é recorrible en casación ante o Tribunal Supremo
A empresa á que se lle retirou a adxudicación levou o caso ao TSXG e agora este vén de sentenciar que o Tacgal foi demasiado estrito e "formalista" co cálculo dos prazos e que non debía anular a adxudicación á primeira empresa. O TSXG considera que aquela primeira adxudicataria "despregou unha actividade dilixente dende o primeiro momento" para cumprir cos prazos de entrega dunha documentación que non dependía só dela e nuns tempos que a Xunta acurtara á metade do habitual.
Así que o TSXG anula a resolución do Tacgal que á súa vez anulara, a petición de Monbus, a adxudicación á primeira empresa, o que acabou beneficiando o grupo de Raúl López. O TSXG deixa en mans da Xunta a execución práctica da súa sentenza, e como nos casos anteriores tamén esta sentenza é recorrible en casación ante o Tribunal Supremo.
Malia a súa polémica traxectoria, a finais do pasado ano Educación prorrogou os contratos dos 57 lotes de transporte escolar
Ademais destas sentenzas sobre as adxudicacións dos contratos de transporte escolar, o TSXG tamén emitiu nos últimos meses cando menos catro sentenzas que avalan sancións a Monbus por incumprir condicións dos seus contratos xa durante a súa execución. Malia todas estas circunstancias, a finais do pasado ano a Xunta prorrogou os 57 lotes de transportes escolar co argumento de que funcionan "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".