Obras pendentes, deterioro e costas do 7%: así vai a "estrada para bicis" de Santiago "inaugurada" por Rueda

A senda peonil e ciclista no que debera ser o enlace entre O Milladoiro e Conxo, a través do vello túnel do tren, e o ramal ao CHUS, e pendentes de diversos treitos, segundo a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Tras dous anos de obras a infraestrutura, de 12 millóns de euros e 10 quilómetros entre O Milladoiro e San Caetano, aínda está lonxe de completarse malia a imaxe transmitida pola Xunta 

Tras máis de dous anos de obras, o venres 14 de agosto o presidente Rueda participaba "na inauguración do último treito do eixo de mobilidade sostible de Santiago", segundo divulgaba a propia Xunta. Porén, ese eixo, anunciado previamente como "estrada para bicis", non está aínda rematado. Nin o treito "inaugurado" por Rueda está completo, nin están tampouco rematados todos os traballos nin no executado dese treito nin noutros puntos da infraestrutura, que sen embargo xa presenta fochancas, deterioro, lixo e falta de mantemento en numerosos lugares. Unha infraestrutura que, en parte polas dificultades da orografía de Santiago e en parte polo trazado elixido, ten nalgúns lugares ramplas do 6%, o 7% e ata o 8,13%. 

A senda ciclista e peonil impulsada pola Xunta e asumida como iniciativa propia polo portavoz do PP en Santiago, Borja Verea, duns 10 quilómetros entre O Milladorio e San Caetano e 12 millóns de euros de investimento, tivo no bosque de Conxo, a carón do río Sar, o seu principal obstáculo. A Consellería de Infraestruturas quixo que a obra o atravesase polo medio, pero o a Dirección Xeral de Patrimonio da propia Xunta se opuxo, cun informe asinado o pasado maio minutos antes de dimitir pola daquela directora, Carmen Martínez Insua. 

Ante ese informe e o rexeitamento veciñal e do goberno local de Santiago, a Xunta deixou sen executar ese subtreito da senda, arredor de quilómetro e medio que debera formar parte do treito entre O Milladoiro e a estación intermodal agora inaugurado por Rueda.

Sen ese quilómetro e medio, quen use a infraestrutura debe decidir se enlaza as partes xa executadas circulando polas rúas urbanas de Conxo ou por camiños de terra xa existentes a través do bosque de Conxo onde diversos carteis xa viñan informando de que esa é unha "zona compartida" entre peóns e ciclistas. Á espera de que nalgún momento o Goberno galego decida completar a infraestrutura facendo o enlace pendente polo borde do bosque de Conxo e a través das zonas xa transformadas do aparcamento do seu hospital.

Plano da senda coas pendentes de cada subtreito na parte inferior e o que quedou sen construír ao paso polo bosque de Conxo cun trazo de puntos CC-BY-SA Praza Pública

O carril bici priorizou ocupar espazos verdes ou de beirarrúa antes que espazos empregados actualmente por vehículos a motor

Unha das claves da nova infraestrutura é que o carril peonil e ciclista priorizou ocupar espazos verdes e beirarrúas antes que espazos empregados actualmente por vehículos a motor. Aínda así, esa infraestrutura de nova construción presenta diversos puntos con elevadas pendentes, segundo a propia Xunta do 8,13% no ramal de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), do 7,56% na subida desde o río Sar cara ás vías do tren en dirección ao Milladoiro, ou do 6,22% na subida a San Caetano desde o pavillón multiusos da cidade. 

Un recorrido pola infraestrutura unha semana despois da inauguración de Rueda permite comprobar que hai traballos pendentes en case todo o recorrido entre O Milladoiro e San Caetano. En diversos sitios, ademais, a sinalización é confusa, con lugares nos que os coches seguen a ter prioridade e outros con carteis de prohibido circular que non deberan afectar ás bicicletas.  

Lixo e vexetación que reduce considerablemente o ancho da infraestrutura sucédense ao longo dos 10 quilómetros

Tamén en numerosos sitios a superficie da senda xa presenta irregularidades e mesmo fochancas. Pero fundamentalmente chama a atención a súa falta de mantemento, con vexetación invadindo a senda e reducindo considerablemente o seu ancho ata facer que só poida pasar unha persoa ou bicicleta á vez. O lixo tamén se acumula nas varias áreas de descanso executadas ao longo do recorrido.

Lixo e falta de mantemento nunha das zonas de descanso habilitadas ao longo do recorrido CC-BY-SA Praza Pública

O proxecto vén sendo defendido como idea propia polo portavoz e candidato do PP á alcaldía, Borja Verea, que na inauguración dixo que "non é día de repartir razóns nin de mirar atrás" senón de "celebrar que unha infraestrutura que vai mellorar a vida de moitas persoas queda para Santiago". Verea asegurou que durante estes anos defendeu "que o proxecto debía cumprir toda a normativa, atender as preocupacións existentes e introducir as modificacións necesarias para reducir o seu impacto". Tamén vén asegurando que, se goberna Santiago tras as eleccións municipais do vindeiro ano, insistirá en realizar un mellor trazado por Conxo.

O carril bici atravesando o parque Eugenio Granell polo medio dunha zona verde en lugar de aproveitar sendas xa construídas ou de reducir espazo para os coches CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.