Rueda inaugura a "estrada para bicis" de Santiago cun laio polo seu trazado, condicionado por Patrimonio da Xunta

Rueda na inauguración este venres do carril bici e peonil entre O Milladoiro e Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na inauguración do polémico carril bici entre O Milladoiro e San Caetano o presidente obvia que a Consellería de Cultura emitiu un informe contra o paso polo bosque de Conxo e atribúe o cambio a "algunhas forzas políticas"

O presidente Rueda, aficionado ao ciclismo, inaugurou este venres o principal e último gran treito pendente da "estrada para peóns e bicis", como a denominou o Goberno galego, que conecta O Milladoiro, en Ames, coa sede da Xunta en San Caetano, no outro extremo de Santiago, ademais de cos hospitais da cidade. O proxecto inicial da senda, duns 10 quilómetros e 12 millóns de euros de investimento, contemplaba atravesar o bosque de Conxo a carón do río Sar. Pero un informe asinado en maio do pasado ano minutos antes de dimitir pola daquela directora xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua, obrigou a variar o trazado.

Rueda na inauguración este venres do carril bici e peonil entre O Milladoiro e Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia ese informe en contra por parte dun departamento do seu propio Goberno, este venres Rueda na inauguración do treito entre O Milladoiro e Conxo lamentou "que nalgún momento non fora posible facer o trazado que nos gustaría", o que atribuíu a que "algunhas forzas políticas, algúns representantes políticos, non están pola labor", en referencia velada ao Concello de Santiago gobernado por BNG e Compostela Aberta. 

Efectivamente o goberno local tamén se amosou en contra do trazado da infraestrutura de nova construción polo bosque de Conxo, igual que diversos colectivos da cidade, pero antes do informe en contra de Patrimonio da Xunta, o Goberno galego xa mudara outras características do proxecto a petición do Concello admitindo que había "unha mellor opción".

Co argumento de separar o tráfico peonil e ciclista dos automóbiles, o carril bici priorizou ocupar espazos verdes ou de beirarrúa antes que espazos empregados actualmente por vehículos a motor

En xeral, co argumento de separar o tráfico peonil e ciclista dos automóbiles, todo o carril bici priorizou ocupar espazos verdes ou de beirarrúa antes que espazos empregados actualmente por vehículos a motor. Por iso, no seu treito intermedio a Xunta optou por facer pasar a infraestrutura a carón do río Sar e atravesando o seu bosque de ribeira e a zona do denominado Banquete de Conxo. E alí foi onde atopou o rexeitamento social e do goberno local. 

Pola contra, o proxecto vén sendo defendido como idea propia polo portavoz e candidato do PP á alcaldía, Borja Verea, que este venres dixo que "non é día de repartir razóns nin de mirar atrás" senón de "celebrar que unha infraestrutura que vai mellorar a vida de moitas persoas queda para Santiago". Verea asegurou que durante estes anos defendeu "que o proxecto debía cumprir toda a normativa, atender as preocupacións existentes e introducir as modificacións necesarias para reducir o seu impacto". Verea vén asegurando que, se goberna Santiago tras as eleccións municipais do vindeiro ano, insistirá en realizar un mellor trazado por Conxo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.