A Xunta obvia a súa área de Patrimonio e culpa o Concello de parar a "estrada para ciclistas" de Santiago

Treito do carril bici compartido co tráfico motorizado nas proximidades de Conxo CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego atribúe ao municipal a súa decisión de "deixar en suspenso" a infraestrutura ao paso polo bosque do Banquete de Conxo, obra desautorizada pola directora xeral de Patrimonio minutos antes de dimitir

O 22 de maio Praza.gal publicou un informe asinado minutos antes de dimitir pola directora xeral de Patrimonio da Xunta, Carmen Martínez Insua, no que decidía "non autorizar" o trazado proposto a través do bosque do Banquete de Conxo pola Consellería de Infraestruturas para a "estrada para ciclistas" que está a executar en Santiago. Pouco despois de coñecerse ese informe contrario, a consellería anunciaba a súa decisión de deixar "en suspenso" ese treito da infraestrutura e destinar os fondos a "outro concello"

Porén, na resposta oficial que vén de ofrecer agora ao Parlamento de Galicia sobre a cuestión a Xunta obvia por completo o informe negativo do seu propio departamento de Patrimonio e di que parou a obra "fundamentalmente" pola postura contraria do Concello ao impacto que tería.

Informe de Patrimonio contrario ao paso do carril bici polo bosque do Banquete de Conxo, resposta da Xunta ao Parlamento obviando o informe e trazados estudados para a infraestrutura CC-BY-SA Praza Pública

A infraestrutura que impulsa a Xunta en Santiago pretende conectar O Milladoiro e San Caetano con 10 quilómetros de sendas para peóns e bicicletas, unha "estrada para ciclistas", como a denominou o propio Goberno galego, que orzamentou 12 millóns de euros

Está rematada ou moi avanzada na maioría do seu trazado, pero ao paso polo denominado bosque do Banquete de Conxo o seu impacto levou a formular varias alternativas. A última elixida foi rexeitada pola directora xeral de Patrimonio minutos antes de dimitir o pasado 12 de maio, segundo se soubo dez días máis tarde, porque, "aínda que minora de xeito importante as afeccións", aínda tiña "tramos incompatibles coa protección do patrimonio cultural e a conservación dos seus valores".

Ao coñecerse ese informe de Patrimonio, Infraestruturas decidiu deixar "en suspenso" ese treito da obra ao seu paso por Conxo e destinar os fondos a "outro concello". Tamén salientou que malia ese último informe negativo de Patrimonio, "permanece vixente o proxecto orixinal que conta con todos os informes sectoriais favorables". Unha resposta na que Infraestruturas non aclarou por que nese caso non acomete o proxecto orixinal se conta con todos os permisos, e ao tempo deixou en evidencia ao departamento de Patrimonio por eses permisos previos.

O Goberno galego insiste en que a obra pasaría por Conxo "sen afección ningunha" malia que para Patrimonio tiña "tramos incompatibles coa protección do patrimonio cultural"

Sobre esta situación preguntou formalmente o BNG á Xunta no Parlamento de Galicia, e a resposta oficial realizada polo Goberno galego obvia o seu propio departamento de Patrimonio. En folio e medio de resposta a Xunta insiste en defender as bondades do seu proxecto sen citar en ningún momento o informe contrario de Patrimonio. Ao contrario, contra o final da resposta dise que "o novo trazado evitou o cruce do río Sar, sen afección ningunha a ningún elemento natural nin patrimonial protexidos". 

Segundo a Xunta, a información pública do seu proxecto modificado "tivo como resultado só unha alegación contraria ao proxecto, pero dada a postura do Concello de Santiago fundamentalmente, decidiuse deixar en suspenso o treito" que pasa por Conxo. 

Nada di o Goberno galego na súa resposta oficial sobre o anuncio xa realizado polo portavoz local do PP, Borja Verea, de que, fronte á decisión da Xunta de paralizar a obra, el está disposto a executala "cando goberne en 2027".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.