A mala planificación da Xunta deixa inacabada a súa "estrada para ciclistas" en Santiago

Lugar no que o ramal do carril bici que comunica O Milladoiro co barrio de Santa Marta continuará cara a San Caetano e o resto do carril bici a través das rúas Benéfica, ao fondo na imaxe, e Ramón Baltar xa existentes en Conxo CC-BY-SA Praza Pública

Cos extremos da obra de 10 quilómetros xa case rematados o Goberno galego deixa "en suspenso" un quilómetro intermedio desviando o itinerario por rúas xa urbanizadas de Conxo nas que antes vía problemas de integración para as bicis

A "estrada para peóns e para ciclistas", como a cualificou ela mesma, que a Xunta está a executar en Santiago entre O Milladoiro e a súa sede central en San Caetano, uns 10 quilómetros cun custo duns 12 millóns de euros, que nalgún treito xa foi posta en servizo, vai quedar incompleta. Así o vén de decidir a Consellería de Infraestruturas ante o informe negativo doutro departamento da mesma Xunta, a Dirección Xeral de Patrimonio, que ve incompatible a actuación con diversos elementos protexidos ao seu paso polo barrio de Conxo. 

Nese treito, ao longo de algo máis dun quilómetro, xa non haberá novo trazado para o carril bici senón que o itinerario será desviado por rúas xa urbanizadas nas que a Xunta vía antes problemas de integración para as bicis. É a -de momento- última decisión sobre un proxecto cuxos vaivéns revelan unha insuficiente planificación por parte da Xunta.

En vermello o itinerario orixinal do carril bici de nova construción, en azul a modificación proposta en novembro que Patrimonio vén de invalidar e, en amarelo por onde vai transcorrer -por estradas actuais- ao renunciar a Xunta á obra ao seu paso polo bosque de Conxo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A infraestrutura, da que o PP local fixo bandeira, foi dividida en tres treitos e a Xunta comezou as obras nos dous segmentos dos extremos sen ter pechado o deseño do treito central. O primeiro treito, pensado en teoría para unir O Milladoiro e complexo hospitalario de Santiago, ten as súas obras moi avanzadas, pero non chegará ao hospital senón que rematará moito antes,no barrio de Santa Marta, sen dar unha solución ao cruce das moi transitadas rúas da Volta do Castro e da Choupana, principal acceso á cidade polo suroeste.

No outro extremo, o terceiro treito, case rematado e a maioría xa en servizo a falta dun paso baixo a Avenida de Lugo, conecta a estación intermodal e a sede central da Xunta en San Caetano atravesando as brañas do Sar e ocupando beirrarúas ou zonas verdes do barrio de Fontiñas. 

No treito intermedio, o que afecta a Conxo, as obras tamén están moi avanzadas no seu extremo máis próximo á intermodal, ocupando tamén zonas verdes en lugar de aproveitar sendas xa existentes nos parques da zona.

En todos os treitos, co argumento de separar o tráfico peonil e ciclista dos automóbiles, a obra prioriza ocupar espazos verdes ou de beirarrúa antes que espazos empregados actualmente por vehículos a motor. Por iso, no segundo treito a Xunta optou por facer pasar a infraestrutura a carón do río Sar e atravesando o seu bosque de ribeira e a zona do denominado Banquete de Conxo. E alí foi onde atopou o rexeitamento social.

Informe da directora de Patrimonio que non autoriza o carril bici no bosque do Banquete de Conxo asinado ás 14.43 horas do luns 12 de maio, o seu último día no cargo CC-BY-SA Praza Pública

Os técnicos de Patrimonio analizaron a proposta modificada de Infraestruturas en decembro pero a directora xeral non emitiu o informe negativo ata o 12 de maio, minutos antes de deixar o cargo, mentres as obras seguían avanzando no resto de treitos

Ante as críticas de veciñanza e goberno local de Santiago, a Consellería de Infraestruturas presentou en novembro unha modificación do itinerario ao seu paso polo bosque de Conxo, facéndoo pasar no seu treito final por esa zona polo aparcamento do hospital de Conxo. A propia Xunta admitía daquela que esa era "unha mellor opción" para a infraestrutura que a que aprobara inicialmente considerando "múltiples aspectos como son o cultural, ambiental, funcional, etc." Isto é, Infraestruturas xa admitía que non planificara ben inicialmente a obra.

Esa modificación proposta en novembro por Infraestruturas foi analizada a comezos de decembro por varios técnicos do departamento de Patrimonio da Xunta, que concluíron que "o trazado modificado proposto, aínda que minora de xeito importante as afeccións ao patrimonio cultural, aínda conta con tramos incompatibles coa protección do patrimonio cultura e a conservación dos seus valores". Porén, a directora xeral de Patrimonio non validaría eses informes e asinaría o seu ditame global sobre a modificación ata cinco meses máis tarde, o 12 de maio, poucos minutos antes de cesar no cargo. Mentres, as obras seguían avanzando no resto de treitos.

O informe de Patrimonio di que Infraestruturas pode presentar "unha nova formulación do trazado". Pero a resposta pública de Infraestruturas a ese informe foi deixar "en suspenso" ese treito da senda ao paso por Conxo e destinar os fondos a "outro concello". Tamén salienta que malia ese último informe negativo de Patrimonio sobre a súa proposta modificada, "permanece vixente o proxecto orixinal que conta con todos os informes sectoriais favorables". 

Unha resposta na que Infraestruturas non aclara por que daquela non acomete o proxecto orixinal se conta con todos os permisos, e ao tempo deixa en evidencia a outro departamento da Xunta, Patrimonio, por eses permisos.

A Xunta descartara levar o carril bici pola rúa pola que finalmente pasará porque suporía "afección ao tráfico", evidenciando a prioridade de que a mobilidade ciclista non afectase á mobilidade dos vehículos de motor

Infraestruturas engade unha última consideración. Ante a decisión de deixar en suspenso o trazado de nova construción ao seu paso por Conxo, a súa intención é dar nesa zona "continuidade ao itinerario ciclista en execución a través das rúas Benéfica e Ramón Baltar". Ese trazado polo norte do mosteiro de Conxo por rúas xa asfaltadas xa fora analizado e descartado pola Xunta cando valorou distintos posibles traxectos para a súa infraestrutura. Fíxoo con varios argumentos, como que "ao dispoñer varios treitos compartidos con vehículos suporá unha afección ao tráfico, debido a que en especial na rúa Benéfica de Conxo existen ramplas importantes polo que a velocidade dos ciclistas será moi inferior á dos vehículos". Unha valoración que evidencia a prioridade da Xunta de que a mobilidade ciclista non afectase á mobilidade dos vehículos de motor. 

Porén, a rúa Benéfica presenta treitos de distinta anchura polo que esa velocidade lenta das bicicletas só sería un problema para os coches -no caso de ter que compartir calzada como xa fan noutros varios puntos da infraestrutura- nunha moi pequena parte dos 450 metros de subida desde o río Sar ata a praza do mosteiro. Do outro lado da praza o recorrido pola rúa Ramón Baltar sería de apenas 250 metros. Por outra banda, as dúas rúas, Benéfica e Ramón Baltar, presentan pendentes similares e mesmo inferiores ás existentes noutros treitos da infraestrutura como a subida en sentido contrariado desde o Sar en dirección ao Milladoiro ou como a subida entre o barrio de Fontiñas e San Caetano.

Ademais, pola rúa Benéfica de Conxo xa pasan hoxe ciclistas, os que fan o Camiño Portugués que por ela discorre, que na actualidade deben empregar a calzada a falta dun espazo específico. Uns peregrinos que foron empregados por Infraestruturas para esgrimir outro argumento en contra dese trazado para a súa senda. Segundo dicía, na praza de Aurelio Aguirre, na porta principal do mosteiro de Conxo, o carril bici "non se pode sinalizar adecuadamente debido a que interferiría co Camiño de Santiago" e "a confluencia da xente pode xerar situacións onde non quede clara a continuidade do trazado ao usuario". 

Mesmo consideraba "conflitivo" que nesa praza "conflúe a saída dun Centro Sociocultural e dunha gardería", dotacións ás que non contemplaba dar servizo co carril bici que prefería trazar por zona deshabitada.

Infraestruturas mesmo descartou ese itinerario pola rúa Benéfica e o frontal do mosteiro de Conxo polo "risco ao incorporar aos ciclistas á calzada compartindo espazo cos vehículos". Un risco que agora vai asumir, sen explicar se está disposta a habilitar un carril bici máis protexido dos vehículos a motor reducindo a cambio o espazo destinado a estes.

O PP local está disposto a facer a obra que a Xunta paraliza e o Concello fala de "capricho" e "pataleta"

Ante esta situación, o portavoz local do PP, Borja Verea, xa avanzou que, fronte á decisión da Xunta de paralizar a infraestrutura de nova construción ao seu paso por Conxo, el está disposto a executala "cando goberne en 2027". Pola súa banda, o goberno local de BNG e Compostela Aberta consideran o carril bici polo bosque de Conxo "un capricho de Borja Verea" e a decisión da Xunta de non buscar máis alternativas ante o informe negativo de Patrimonio e levar eses cartos fóra de Santiago "unha pataleta".

Esta sucesión de mudanzas e valoracións sobre os distintos posibles trazados do carril bici ao seu paso por Conxo non se produciu durante a fase de planificación do proxecto por parte da Xunta senón cando esta xa ten as obras moi avanzadas nos dous extremos da infraestrutura, no Milladoiro e en San Caetano. Unha "estrada para ciclistas" que agora quedará inacabada nun quilómetro intermedio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.